As novas altas no CPXG estarán exentas dos gastos de colexiación en 2025
Con motivo da celebración dos 25 anos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, as e os xornalistas que se dean de alta en 2025 non terán que pagar os gastos iniciais de colexiación. A medida encádrase nas distintas iniciativas que se celebrarán ao longo do ano para conmemorar esta efeméride.
Neste ano 2025, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) fai vintecinco anos do seu nacemento na Asemblea Xeral celebrada en Santiago de Compostela os días 8 e 9 de abril de 2000, onde foron aprobados os seus Estatutos e elixida a primeira Xunta de Goberno. Con este motivo, o CPXG vai desenvolver ao longo do ano diferentes iniciativas para conmemorar esa data importante para a defensa dos dereitos da profesión e da liberdade de prensa na nosa comunidade.
De igual xeito que o xornalismo non é posíbel sen xornalistas, o CPXG tampouco podería existir sen as e os profesionais que, ano tras ano, contribúen coas súas cotas, o seu traballo desinteresado e o seu apoio, á institución dos e das xornalistas galegas. É por iso que as celebracións do vixésimo quinto aniversario non poderían estar completas sen ofrecer tamén incentivos para que cada vez máis xornalistas se sumen a esta casa da profesión.
Por ese motivo, ao longo de todo este ano, as e os profesionais que se dean de alta no CPXG estarán exentos do pagamento de 30,05 euros como gastos iniciais de colexiación, tendo unicamente que abonar as cotas anuais de pertenza ao Colexio para poder contribuír á defensa da profesión, ademais de gozar dos servizos e vantaxes de ser colexiado ou colexiada.
CPXG