As propostas sobre xornalismo das candidaturas ás eleccións galegas
Con motivo das eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recompila nesta información as principais propostas relativas á comunicación dos programas electorais dos distintos partidos políticos. Recóllense as promesas daquelas formacións, que teñen actualmente representación nalgunha administración galega, seguindo a orde de porcentaxe de voto que recibiron estas (ou as coalicións nas que participaran) nos últimos comicios autonómicos. Isto é: Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego, Partido dos Socialistas de Galicia, Sumar Galicia, Podemos Galicia, Vox e Democracia Ourensana.
O programa electoral do Partido Popular non recolle ningunha medida dirixida especificamente ao ámbito do xornalismo. O único punto no que cita á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) faino como promotora da industria audiovisual, prometendo a súa contribución "á creación de produtos de ficción e entretemento autóctonos que se difundan nas diferentes canles da Corporación" e unha colaboración "en clave de distribución, cos principais operadores dos mercados internacionais". Existen, con todo, outras medidas dentro do programa que poden afectar ao ecosistema informativo, como o fomento dos apoios ás empresas e autónomos e autónomas, a convocatoria de máis de 4.000 prazas de emprego público, o impulso da conectividade das zonas rurais para contribuír á redución da fenda dixital, a promoción da igualdade nas empresas ou a elaboración de guías e campañas contra o acoso dixital.
O Bloque Nacionalista Galego, porén, ten no seu programa un apartado específico dedicado aos medios públicos galegos, onde se recollen promesas como a renovación da Dirección Xeral da CRTVG a través dun concurso público ou a posta en marcha de mecanismos de control tento internos (Consello de informativos, Valeduría da audiencia, Editora de Igualdade) como externos (Consello Asesor). Outras partes do documento inclúen tamén medidas no ámbito da comunicación, como a creación dun Consello Audiovisual, o fomento dos contidos en galego nos medios dixitais, a recepción do sinal da Rádio Televisão Portuguesa e a emisión da CRTVG para Portugal, a promoción do galego nos medios privados garantindo que "estarán sempre en relación directa co uso real da lingua" e o impulso do cumprimento da Declaración de Compostela (impulsada polo Colexio de Xornalistas no 2004) e outros código en materia de tratamento informativo da violencia machista, ademais doutras propostas menos específicas.
O Partido dos Socialistas de Galicia ten dispoñíbel na súa web un programa con 212 medidas. Entre elas, a única dedicada específicamente ao xornalismo é a 202, que recolle o "fomento duns medios, plurais e independentes que prioricen contido cultural, acompañando a CRTVG na tarefa, garantindo e fiscalizando a plena independencia e a liberdade de expresión dos medios e dos seus profesionais, a calidade dos seus empregos, loitando contra a desinformación, e os contidos de odio e fomentando unha maior presencia de contidos culturais nos mesmos". Outras propostas socialistas poden afectar a medios de comunicación, como a mellora da infraestrutura e o acceso dixital, a posta en marcha dun plan contra a violencia machista que inclúa "campañas de información e sensibilización sobre os distintos tipos de violencia", a implementación dun plan integral de ciberseguridade ou a coordinación da Axencia Galega de Industrias Culturais coa TVG para impulsar a creación.
O programa de Sumar Galicia ten un apartado denominado "CRTVG e o audiovisual galego", onde se recollen medidas como o cumprimento estrito da Lei Audiovisual de Galicia así como a súa reforma e actualización "para que se garanta unha axeitada xestión orgánica, rendición de contas e a implementación mecanismos que aseguren a pluralidade e independencia da Corporación mais tamén dos seus traballadores e traballadoras", unha modificación do modelo dos medios públicos, a redución da publicidade, a promoción do intercambio coa Rádio Televisão Portuguesa e a racionalización do gasto e modernización da CRTVG. Ademais diso, o documento recolle noutros apartados a posta en marcha dun código ético para a información sobre as persoas migrantes, a formación no sistema educativo no uso das tecnoloxías da información e da comunicación, a promoción de contidos en galego ou a realización de campañas para combater o maltrato animal ou fomentar o deporte e a vida sa.
No programa electoral de Podemos o xornalismo ten presenza destacada no capítulo "Medios de información plurais, veraces e independentes". Nel, recóllense medidas como reverter o "desmantelamento" da CRTVG (coa creación do estatuto profesional e o Consello de Informativos ou a recuperación das delegacións territoriais fechadas); a transparencia e repartición equitativa das licenzas; a participación da cidadanía nos medios públicos actualmente en desuso; a creación dun Foro Galego de Educación, Comunicación e Cidadanía; a reconversión do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia nun organismo de control independente, a posta en marcha dun Plan de Educación Mediática, o impulso dunha Lei de Publicidade institucional transparente e igualitaria ou o apoio ao Premio Couso e as reclamacións de xustiza da súa familia. Noutros apartados recollense tamén medidas como a accesibilidade da CRTVG ou o fomento de campañas e códigos éticos nos medios.
Pola contra, Vox presenta un programa electoral que só recolle unha única medida dirixida directamente aos medios de comunicación: a promesa de "despolitizar e racionalizar o orzamento da CRTVG para que deixe de ser un instrumento de propaganda, imposición ideolóxica e compadreo co separatismo". Non aparece nada específico sobre os usos lingüísticos nos medios públicos da Corporación, aínda que o apartado "Liberdade lingüística do documento" propón "defender a libre elección de lingua e derrogar tódalas leis lingüísticas aprobadas polo PP" e "poñer fin aos requisitos lingüísticos que condicionan axudas públicas ao uso do galego". O resto de medidas recollidas no programa non parecen ter ningunha relación directa co mundo do xornalismo ou a comunicación.
Democracia Ourensana, por último, non ten publicado un programa de medidas como tal na súa páxina web. No apartado "Por que votar a Democracia Ourensana", porén, existe unha referencia directa aos medios públicos, mais para denunciar que "a Xunta de Galicia dedicará á TVG en 2024, 131 millóns de euros", o que significa "unha cifra superior ao orzamento da terceira cidade de Galicia, Ourense, 104 millóns".
CPXG