As publicacións de prensa incorpóranse ao dereito de compensación por copia privada

A modificación da Lei de Propiedade Intelectual aprobada polo Goberno e publicada hoxe asimila xornais e revistas aos libros como acredores da compensación por copia privada, igualando a regulación á doutros países europeos. A distribución da compensación repartirase entre un 55% para os autoras e autores e un 45% para as editoras.

O Consello de Ministros aprobou este martes 28 de marzo, a proposta do ministro de Cultura e Deporte e da vicepresidenta de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o Real Decreto 209/2023, que estabelece a relación de equipos, aparellos e soportes materiales suxeitos ao pagamento de compensación por copia privada, as cantidades aplicábeis e a distribución das mesmas. O texto, publicado esta mañá no Boletín Oficial del Estado, modifica a Lei de Propiedade Intelectual para incorporar xornais e revistas ao dereito de compensación por copia privada.

Na disposición adicional primeira, este decreto estabelece que "se entenderán asimiladas aos libros as partituras e as publicacións de prensa, incluíndo xornais e revistas, de contido informativo, cultural, científico, técnico, de creación de opinión pública ou de entretemento, tanto en soporte papel como en formato dixital", sempre que se publiquen baixo a responsabilidade dunha editorial, estean editadas en serie continua cun mesmo título e teñan polo menos 24 páxinas en formato papel ou unha extensión similar no dixital. Ao equipararse aos libros, a distribución da compensación corresponderá a un 55% para os autores e autoras e un 45% para os editores ou editoras.

As principais organizacións de editoras de prensa e revistas españolas, como a Asociación de Medios de Información, o Club Abierto de Editores e a Asociación de Editores de Revistas manifestaron a súa satisfacción pola aprobación do Real Decreto e agradeceron ao Goberno o recoñecemento desta "reclamación histórica" do sector. 

A compensación por copia privada é unha esixencia da lexislación europea que busca indemnizar o posíbel dano económico que sufran os detentores de dereitos cando un usuario crea unha copia para o seu uso privado. O pagamento deben realizalo os fabricantes ou distribuidores dos dispositivos, aínda que se traslada habitualmente ás persoas compradoras a través do prezo. Coa inclusión da prensa, iguálase o modelo español ao doutros países europeos e garántese a editoras de xornais e revistas e a xornalistas unha nova vía de ingresos.

CPXG