As radios locais de todo o Estado reúnense en Corcubión

Representantes de emisoras radiofónicas locais, agrupadas en EMUGA, EMA-RTV, La Xarxa e a ReMC, xuntáronse este xoves en Corcubión para analizar o desenvolvemento de "Onda ODS Empeza por ti", a nova iniciativa posta en marcha por esta rede para difundir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel. 

Corcubión acolleu este xoves unha reunión de radios municipais de todo o Estado, con participación de emisoras galegas, andaluzas e catalás, ademais de medios comunitarios doutras comunidades autónomas. Radio Neria exerceu de anfitrioa da xuntanza na Casa de Cultura da vila fisterrá, onde se avaliou o proxecto "Onda ODS Empeza por ti" que as radios municipais desenvolven de xeito conxunto desde o pasado mes de abril. Esta iniciativa está impulsada pola Asociación de Emisoras Municipais e Comunitarias de Andalucía de Radio e Televisión (EMA-RTV), coa participación da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-Radiofusión), La Xarxa e a Rede de Medios Comunitarios (ReMC), que conta coa coruñesa Cuac FM como emisora asociada, entre outras.

Entre os acordos desta xuntanza está o de que a iniciativa “Onda ODS. Empeza por ti” comece en Corcubión o vindeiro sábado 30 de setembro. Ese día, entre as 10:00 e as 13:00 horas, Radio Neria realizará un programa de radio en directo e con público desde a antiga capela do Pilar, no que participará do movemento asociativo da comarca. Nesta emisión radiofónica divulgaranse os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel fixados pola ONU para a defensa das xeneracións futuras, nunha tentativa de sensibilizar contra o cambio climático e por un mundo máis xusto.

O proxecto "Onda ODS Empeza por ti" celebrara a súa última xuntanza en xuño deste ano en Málaga, onde se realizaron distintos talleres e mesas redondas e se presentou Comunicándonos, unha guía práctica para a elaboración de contidos audiovisuais e pódcast relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS). Naquela convocatoria, os representantes galegos Toño Casais (Radio Neria) e Henrique Sanfiz (Radiofusión) expuxeron no pasado mes de xuño a intención de transformar a radio local nun centro de produción de audio e nun punto dinamizador da comunicación na comarca. O celebrado en Corcubión foi o cuarto encontro estatal das emisoras desde que se puxera en marcha a súa colaboración, tras os realizados en Granollers e Cardedeu (xuño de 2022), Sevilla (novembro de 2022) e Málaga. 

"Onda ODS Empeza por ti" é a segunda fase da campaña do proxecto Onda ODS, coordinado por EMA-RTV e financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Esta rede pretende promover o fortalecemento dunha alianza de máis de 300 medios locais, tanto públicos como comunitarios, para que os problemas, retos e oportunidades que xiran arredor dos ODS sexan amplamente coñecidos pola cidadanía española. Outro dos resultados do proxecto foi a posta en marcha de Sonando Local, unha plataforma de información sobre os retos globais desde o local, con contido galego.

CPXG