As universidades galegas estudarán o impacto das noticias falsas a nivel local e autonómico

Ana Belén Fernández Souto e Xosé Rúas, investigadores principais de 'Fakelocal' (Foto: UVigo)

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo coordina o proxecto Fakelocal, Mapa da Desinformación nas Comunidades Autónomas e Entidades Locais de España e o seu Ecosistema Dixital, que busca identificar e clasificar os principais tópicos da desinformación e medir a súa incidencia na xestión das corporacións públicas. O estudo conta tamén coa participación da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña, ademais doutras universidades europeas. 

A través dunha enquisa aos responsables dos gabinetes de comunicación das 17 comunidades autónomas, dos 52 gobernos provinciais e das 65 cidades recollidas no ámbito de aplicación da Lei de Medidas para a Modernización do Goberno Local de 2003, Fakelocal vai analizar o impacto da desinformación a nivel rexional e local, unha perspectiva moitas veces deixada de lado en beneficio de enfoques máis globais. O proxecto desenvolverá unha cartografía de axentes e medios vencellados á desinformación e identificará as principais crises nos gobernos autonómicos e municipais derivadas da difusión de noticias falsas. Ademais, realizará análises de contido para avaliar o impacto e alcance das principais desinformacións, especialmente nas redes sociais, e definir estratexias e recursos que axuden a reducilos.

O estudo está coordinado polos profesores da Universidade de Vigo Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto e conta con expertos e persoal investigador tanto deste centro como das outras universidades galegas, así como da Universidad de Sevilla, a Universidad de Málaga, a Central European University de Viena, a Università degli Studi de Milán e da Universidade do Porto. A colaboración con centros universitarios de diferentes países e a colaboración de entidades como a Asociación de Televisións Rexionais Europeas Circom vai permitirá realizar un estudo comparativo dos efectos da desinformación en corporacións locais de España, Italia, Francia, Alemaña e Inglaterra.

Os obxectivos finais do proxecto inclúen a formación de profesionais en técnicas e ferramentas cara á verificación de datos e a elaboración dunha guía de boas prácticas de utilidade para administracións públicas e xornalistas. Neste sentido, a investigación de Fakelocal continúa o traballo do proxecto da Universidade de Vigo DebaTrue, no que tamén participa persoal de todas as universidades galegas. 

O proxecto Fakelocal está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento de 2021.

CPXG