As xornalistas Susana Pedreira e Diana López, recoñecidas nos Premios Meninas de Galicia
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia colabora un ano máis coa Delegación do Goberno no recoñecemento dos Premios Meninas de Galicia a comunicadoras e iniciativas mediáticas. Este ano, o galardón foi para as xornalistas Susana Pedreira e Diana López, impulsoras do proxecto As Mulleres que Opinan son Perigosas.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volve colaborar coa Delegación do Goberno en Galicia no recoñecemento que dentro dos Premios Meninas de Galicia, convocados por este organismo, se fai do labor de xornalistas, empresas e proxectos de comunicación social de Galicia que promovan os valores de igualdade e a erradicación da violencia machista.
Nesta edición, o premio de comunicación foi para as xornalistas Susana Pedreira Buján (Vitoria-Gasteiz, 1983) e Diana López (Pontevedra, 1986). Ambas as dúas licenciadas en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedreira é redactora de Onda Cero mentres que López ten traballado en medios como Diario de Pontevedra, Diario de Arousa, a Radio Galega, VEO 7, Telecinco e Telelugo. En 2018, comezaron a organizar xuntas o congreso As Mulleres que Opinan son Perigosas, un encontro de mulleres columnistas que se celebra en Pontevedra arredor do 8 de marzo.
Esta é a sétima edición dos Premios Meninas en Galicia, logo de que a Delegación do Goberno decidira trasladar estes galardón ao ámbito autonómico. A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro venres 22 de novembro, ás 17:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela (Praza do Obradoiro, 1), nun acto presidido polo delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras.
CPXG