Ataques contra a prensa no medio dos acontecementos de Torre Pacheco
A localidade murciana de Torre Pacheco ten vivido nos últimos días, ademais da violencia contra a poboación inmigrante ou racializada, numerosos ataques contra a liberdade de prensa. Xornalistas acosadas ou insultadas, faixas intimidatorias contra medios ou conferencias de prensa rebentadas foron algúns dos episodios sufridos polas e polos comunicadores, aos que cómpre sumar a difusión masiva de desinformación. O Colegio de Periodistas de Murcia e outras organizacións condenaron os feitos.
Os disturbios e o odio desatados recentemente desde posicións racistas e de extrema dereita en Torre Pacheco téñense dirixido tamén contra a liberdade de prensa. Dentro da estratexia desestabilizadora dos piares democráticos, nos últimos días foron moitas as e os xornalistas que recibiron intimidacións e ataques físicos ou que doutras maneiras viron dificultado o seu labor de informar dos acontecementos desde esta localidade murciana, que na práctica significan atentados contra a liberdade de prensa.
O caso máis coñecido é quizais o da reporteira do programa de TVE Malas lenguas Esther Yáñez e a redactora de RNE Arancha Jiménez, que o martes 15 de xullo soportaron durante varios minutos, mentres realizaban unha conexión en directo, insultos, ameazas, empuxóns e mesmo lanzamento de auga por parte de ducias de manifestantes, até que tiveron que saír escoltadas pola Policía e a Garda Civil. Os insultos repetiríanse ese mesmo día, á noite, contra a reporteira do Telediario María Sánchez Chapinal.
Mais non son só as xornalistas de Radiotelevisión Española as que sufriron esta violencia. Tamén Elena Gómez, reporteira de Espejo Público en Antena 3, sufriu acoso e persecución en canto acendeu os focos para informar en vivo, e Andrea Herrero, de Tardear en Telecinco, foi vexada por un youtuber coa excusa de realizarlle unha entrevista. Beatriz Osa, de La Sexta, que tamén recibiu insultos, destaca nestes ataques unha compoñente sexista. Outro xornalista desta canle foi agredido e rompéronlle o micrófono.
Ademais, preto da sede do xornal La Verdad en Murcia apareceu unha faixa asinada por Falange Española y de las JONS en la que se acusaba a este xornal de seren "blanqueadores de la violencia inmigrante" pola súa cobertura dos acontecementos en Torre Pacheco. Algúns axitadores de extrema dereita tamén dificultaron o traballo das e dos xornalistas rebentando conferencias de prensa, como a realizada por Ione Belarra o 15 de xullo, interrumpida por Vito Quiles e Bertrand Ndongo.
A todo isto hai que sumar as noticias falsas e loiadas que se difundiron nos últimos días sobre os acontecementos de Torre Pacheco. Ademais de serviren para avivar a violencia extremista, e aínda que circulen de maneira maioritaria por redes e pseudomedios, esta desinformación ten tamén o efecto secundario de desprestixiar o xornalismo, afundando aínda máis na crise de credibilidade que sofren os medios de comunicación.
O Colegio de Periodistas de la Región de Murcia fixo público un comunicado rexeitando as mensaxes intimidatorias aos medios ante os acontecementos de Torre Pacheco. Outras organizacións condenaron tamén o acoso aos e ás xornalistas, como a Federación de Asociaciones de Periodistas de España ou a Agrupación de Periodistas de UGT.
CPXG