Até o xoves 23 está aberto o prazo para apuntarse ao webinar sobre comunicación ambiental con María García de la Fuente
O vindeiro xoves 23 de maio remata o prazo para inscribirse ao webinar Como comunicar cambio climático con éxito, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por María García de la Fuente, que se realizará o sábado 25, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online.
Ao longo das últimas décadas, a información sobre o medio veu ocupando un espazo cada vez maior nos medios de comunicación. Nado coas primeiras mobilizacións ecoloxistas, o xornalismo especializado sobre a interacción do ser humano co ambiente transformouse coas distintas preocupacións da sociedade e actualmente está moi marcado pola inquedanza polo cambio climático, que chegou a popularizar termos como o de "ecoansiedade". Neste webinar analizaranse todas as mudanzas que se produciron na comunicación ambiental e do cambio climático e cales son agora as claves do éxito deste tipo de informacións. Ademais, veranse exemplos de boas prácticas a seguir, afondarase nas temáticas ambientais e exploraranse as principais fontes informativas do xornalismo ambiental.
O curso estará impartido por María García de la Fuente, licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid e en Historia pola UNED, que exerce o xornalismo ambiental desde hai 25 anos, cando empezou na axencia de noticias Europa Press. Despois de 8 anos, pasou a formar parte do equipo fundacional do diario Público, na sección de Ciencias. Traballou tamén no Gabinete de prensa do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e actualmente é a presidenta da Asociación de Periodistas de Información Ambiental (APIA).
Como inscribirse no webinar
O curso realizarase a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do xoves 23 de abril, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG