Avanzar na igualdade nos contidos e nas redaccións
Con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra as principais iniciativas que ten en marcha pola consecución da igualdade: o traslado ás redaccións da formación en materia de igualdade e tratamento da violencia de xénero, e a publicación As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada, que reivindica o traballo das profesionais.
Un ano máis, a celebración do 8 de marzo volve lembrar a necesidade de que a igualdade alcance todos os ámbitos da nosa sociedade, tamén o do comunicación. A loita contra o patriarcado e o machismo ten que ser un dos piares que movan a práctica do xornalismo, non só de cara ao exterior, fomentando a perspectiva de xénero nas informacións, senón tamén no interior das redaccións, coa loita contra calquera tipo de discriminación das mulleres e a posta en valor das profesionais. E o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que ten desde o nacemento o feminismo como unha das inspiracións do seu traballo en favor da profesión, quere seguir a traballar nestas dúas liñas de loita.
Así, o Colexio vén de asinar un convenio coa Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero que permitirá levar á seguinte fase o proxecto educativo iniciado en 2021 sobre tratamento informativo da violencia machista. Nesta ocasión, levaranse os obradoiros formativos ás redaccións galegas, logo da fase previa que permitiu ter unha rede de xornalistas que exerzan de docentes sobre esta cuestión nos medios de comunicación. Desta maneira, quere contribuírse á necesaria formación das e dos profesionais en materia de xénero para garantir que os contidos informativos estean realizados desde o compromiso coa igualdade e coa eliminación da violencia de xénero.
Por outra banda, no que fai á reivindicación das propias xornalistas, o Colexio está a traballar tamén na publicación As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada, que foi un dos proxectos galardoados co VI Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. O obxectivo desta iniciativa é o de pór en valor a achega das mulleres ao xornalismo galego, como vía para contribuír á igualdade e combater as discriminacións na profesión. Para iso, reunirase o legado das pioneiras, investigando e reivindicando as súas biografías, con entrevistas a referentes femininos da nosa profesión na actualidade. Rescátase así o papel histórico das xornalistas, ademais de inspirar ás novas xeracións con referentes mulleres.
Informar con perspectiva de xénero e reivindicar o traballo xornalístico das mulleres, maioría desde hai moito tempo na profesión. Son dúas accións imprescindíbeis, entre as moitas necesarias, para continuar a avanzarmos na igualdade que reivindicamos sempre, e con especial forza cada 8 de marzo. Porque o xornalismo ten un papel que cumprir na consecución dunha sociedade sen discriminación de xénero, e para iso non só debe transmitir unha mensaxe feminista, senón tamén conseguir que os medios e as redaccións sexan espazos máis igualitarios.
CPXG