Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro: ″Coa pandemia volvemos poñer o foco nos feitos″

Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro cando comezaron a traballar xuntas para Europa Press no Parlamento de Galicia (Foto: Tamara de la Fuente)

Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro traballan como xornalistas na axencia de noticias Europa Press desde Santiago de Compostela. A súa visión da cobertura desta pandemia é transversal, pois o traballo de axencia sempre o é, mais neste caso máis porque ambas están a cubrir a crise da COVID-19 desde o eido político, tanto no que se refire ao Goberno galego como á actividade no Parlamento de Galicia e dos partidos da oposición, e tamén desde o sanitario e social.

–Agora que está a piques de facer un ano do comezo da pandemia, que diriades que mudou no voso día a día como xornalistas?

Beatriz: No traballo cambiou todo, cambiou a forma de traballar en si mesma.

Susana: Eu creo que hai dúas vertentes, unha máis positiva e outra máis negativa para o xornalismo. A primeira sería positiva desde bastantes puntos de vista, tanto no que se refire ao contido da información como na forma de traballar: de repente ponse o foco no feito. Fronte a un xornalismo máis marcado pola tendencia, pola frase, de pronto pasan a ser importantes outra vez os feitos como, por exemplo, as mortes ou o número de casos contaxiados. O xornalismo de datos. E despois, no ámbito do traballo, de repente evidénciase que nós, que tiñamos que estar presencialmente en todo, algo que notamos moito as mulleres pola conciliación, notamos unha flexibilidade real. Vese que podemos teletraballar, o cal tamén ten unha parte negativa porque te ata as 24 horas. De forma global, a pandemia evidencia a saturación nos medios de comunicación, unha sobrecarga de traballo, e tamén eivas á hora de saber ler documentación como pode ser o DOG.

Beatriz: Moita xente descubriu nesta pandemia que DOG é Diario Oficial de Galicia e non can en inglés [bromea]. Descubriuse que hai que ler o DOG, contrastar a información (incluso a que che dan nas roldas de prensa) co que vén aí, porque moitas veces non é a mesma, é incompleta ou, oh sorpresa, esconde noticias. Houbo moitas novas que saíron directamente do DOG e non dos comités clínicos e eu pregúntome por que non se informou de determinadas cousas nas roldas de prensa.

Pero, volvendo a este primeiro ano de pandemia, eu o outro día repasaba as miñas anotacións dos primeiros días de marzo do ano pasado e xa vin nelas a miña preocupación anticipando o teletraballo. Xa pensaba ′que vou facer con dous nenos na casa?′, a nena aínda non tiña 3 anos e o neno daquela tiña 7 meses. Penso que somos a profesión máis flexible, porque podemos traballar enriba dunha pedra; pero por outro lado, máis atada porque se nos esixe inmediatez. 

"Houbo moitas novas que saíron directamente do DOG e non dos comités clínicos e eu pregúntome por que"

 

–En concreto, o traballo nunha axencia de noticias xa era moi esixente nun contexto normal sen pandemia, como vos está a afectar ese incremento no límite de traballo diario?

Beatriz: Agora vivimos ao límite. 

Susana: E, ás veces, facéndoo mal. E non por culpa dos redactores precisamente. Explícome. Unha cousa que a pandemia deixou sobre a mesa ao longo deste ano, sobre todo ao principio porque recoñezo que se tratou de mellorar, é a información por parte das Administracións. Nós en axencias traballamos moito sobre o momento, entón, en cuestións como as diferencias entre o que se di nas roldas de prensa e o que despois aparece no DOG atopámonos con que o feito de comunicar mal unha decisión que afecta a moitas persoas, ao final se nos traslada aos xornalistas. E digo isto comprendendo que se están a tomar decisións en tempo real e que iso ten as súas dificultades de comunicación. Pero se a min a fonte inicial, a institución que sexa, me traslada unha información non precisa, eu vou desinformar. E vou desinformar ata que lea o DOG ao día seguinte, ou incluso ata dous días despois. Con isto se crea un efecto moi nocivo para o xornalismo, pois eu mesma comprobei como os amigos agora van ler directamente eles o DOG ou que, en lugar de preguntarme pola información, pregúntanme a que hora é a rolda de prensa de Feijóo. E isto non pasa porque os xornalistas non fagamos ben o noso traballo, sucede polo que traslada a propia fonte de información oficial. 

Aparte, coa pandemia observamos un interese das Administracións por maquillar datos ou xogar con eles. Foi toda unha loita de meses que se habilitase a páxina web cos datos como temos agora no Sergas. Pero, á marxe diso, eu pregúntome: por que os datos dos falecementos, cando non son nin sequera dese mesmo día, se dan ás nove da noite e non ao día seguinte pola mañá? Pois ao mellor porque ten menos impacto informativo. Con todos os problemas que pode ter unha fonte de información con potestade para tomar decisións, neste caso a Xunta, creo que se está a empregar unha estratexia de comunicación que se podería mellorar co obxectivo de que nós, que somos os que poñemos a cara e quedamos mal diante da xente, poidamos informar mellor ao cidadán.

–Ademais están os horarios, o fluxo de información é constante a todas horas do día e o propio DOG se publica pasadas as nove da noite con moita frecuencia. Como se concilia así?

Beatriz: No tema da conciliación, digamos que a pandemia nos fixo traballar 24 horas os 365 días do ano. A nosa profesión está moi deostada, pero isto non o fas por cartos, tes que facelo por vocación. Se estás na praia e ves que unha lancha irrompe e non che pide o corpo chamar por teléfono a túa redacción, é mellor que presentes a túa dimisión ao día seguinte. Non significa que te poñas a traballar, senón que teñas o gusanillo. Porque creo que se perdes ese gusanillo, perdes as ganas de ler un DOG ás once da noite. É obrigatorio? Non. Tes que facelo? Non, pero iso non significa que non teñas gana de facelo. Hai que diferenciar entre as obrigas laborais e o que che pide o corpo, e por suposto que non tes que vivir para o traballo; pero tenche que interesar o que di. Por outra banda, moitas veces as empresas se benefician desa vocación e non debera ser así.

Dito isto, o que non pode ser é que o DOG, con dous días de atraso sobre unhas medidas xa anunciadas, se publique ás dez da noite. Iso está feito a propósito para que a xente non poida tomar decisións. Iso é o que está mal, non é unha cuestión xornalística, é unha cuestión de comunicación. 

"Se a min a fonte inicial, a institución que sexa, me traslada unha información non precisa, eu vou desinformar"

 

–Entón, considerades que esta estratexia de comunicación da Administración é máis deliberada ou que se está a ver superada pola situación? 

Beatriz e Susana: As dúas cousas. 

Beatriz: Hai un pouco de improvisación, pero outras cousas fanse de forma deliberada. Porque doutra maneira non se entende que nunha rolda de prensa se dean certos datos arredor dun tema e se omita xustamente un. 

E aquí quero incidir no que se comentou antes a respecto do xornalismo de datos. Non temos eses coñecementos nós de base e penso que é importante que se analice con que destrezas ou ferramentas deberíamos contar os xornalistas. Se non é xa na carreira de Xornalismo, pois cunha formación posterior. Soamente uns xornalistas que saiban ler datos e interpretar o DOG van facer un xornalismo rigoroso. E cando digo DOG, digo informes e leis que chegan ao Parlamento todos os días, que son reformas de reformas de reformas e que nos afectan ao noso día a día, pero pasan absolutamente desapercibidas porque estamos facendo a declaración de fulanito que di que a lei é moi mala, non sabemos por que. 

–Non sabemos por que, e non hai tempo para ir miralo... 

Beatriz: Claro, é que xa non existe a posibilidade de que pases un día lendo documentación para un tema que non se publica ese mesmo día. Iso xa non pasa, é case voluntariado. 

Susana: Queda claro que hai que reforzar os cadros de persoal dos medios. 

"Soamente uns xornalistas que saiban ler datos e interpretar o DOG van facer un xornalismo rigoroso"

 

–E a precarización dos cadros de persoal vai da man da falta de especialización.

Beatriz: Porque o xornalismo vai da man da política e a política, nos últimos anos, viviu unha degradación dos discursos. Hoxe hai moito de política-espectáculo, de frases fáciles e de encher titulares deixando a un lado o fondo da cuestión. Non digo que non o traballen, pero da igual porque aínda que o fagan é como un círculo vicioso: os medios sacan a frase, eles buscan a frase e, ao final, estamos nunha situación na que non se vai ao fondo das cuestións. Como comentabamos ao principio, coa pandemia volvemos poñer o foco nos feitos. Estamos dando información de servizo, cumprindo a nosa misión constitucional.  

–Con toda a atención que precisa a COVID-19, pensades que se deixaron de contar outros temas neste ano?

Beatriz: Sen dúbida, ten que haber moitas cousas que non contamos. Como tamén hai cousas que xa non chegaron a pasar, como a gripe. 

Susana: Quedaron historias no tinteiro e, probablemente, relaxámonos en cuestións de control político, de control de xestión da Administración ou doutras áreas nas que iremos descubrindo o impacto cando todo vaia volvendo á normalidade, espero. Agora todos buscamos o vínculo coa pandemia porque tamén é o que máis lle preocupa ao cidadán.

"Ao principio tiñamos un maior impacto emocional, pero chega un punto no que sistematizas no momento de dar as cifras de falecementos"

 

–Con que dilemas vos atopastes neste ano á hora de exercer? Traballar cos datos da COVID-19 día tras día ten que ter uns efectos... 

Susana: O principal problema é que che fai distanciarte. Creo que ao principio tiñamos un maior impacto emocional, pero que despois chega un punto no que sistematizas no momento de dar as cifras de falecementos. O que vivín moito comigo mesma foi a loita por facelo mellor, esa sensación de que poderíamos facer unha análise máis profunda dos datos ou informacións con máis contexto... pero non hai medios e iso tampouco é culpa dos xornalistas. É culpa de non ter uns cadros de persoal ben dimensionados e que ao noso traballo de base lle aumentamos unha pandemia.

Beatriz: Na primeira onda tiven ocasión de entrar en contacto con algunha historia persoal e puiden contala, algo que despois se deixou de facer por falta de medios e de tempo... Pero cando entras en contacto con cada unha das historias non podes ver unha lista de mortos da mesma maneira. Non lles pos cara, pero si que empatizas. É arrepiante pensar que dúas mil familias perderon a unha persoa durante este último ano por unha pandemia en Galicia. Penso que a factura psicolóxica a nós tamén nos vai pasar, porque estamos dando datos malos todos os días.

Susana: Porque ademais eses datos combínanse coa túa historia persoal, podes estar dando eses datos e estar tamén confinada. Vivimos como un dobre impacto: o impacto informativo e o que temos como cidadás.

ANA G. LISTE