Brais Lorenzo: "Gustaríame ter a oportunidade de fotografar no interior dunha UCI dun hospital público galego. Se a realidade non se ve, non existe"

Foto: Óscar Pinal

Brais Lorenzo, fotógrafo ourensán, leva retratando a pandemia dende o seu comezo. Instantáneas súas deron a volta ao mundo coma a que publicou o New York Times no mes de abril, captada na residencia de anciáns San José de Ourense. Pertence ao colectivo Imaxe Covid, formado por seis fotoxornalistas galegos que pretenden visibilizar a realidade de Galicia nestes tempos do coronavirus. Dende o ano 2010 traballa coma colaborador coa axencia EFE e co xornal Faro de Vigo. Ten realizado fotografías para outros medios coma El País, El Mundo, La Vanguardia, ABC, Público, La Marea, Nós Diario, Revista Luzes, The Guardian e axencias coma AFP ou AP.

–Brais, levas anos nisto do fotoxornalismo. Pensabas que o viras todo?

A pandemia pillounos a todos de imprevisto e, persoalmente, canto máis traballo máis chego á conclusión de que non vin prácticamente nada. Hai unha sensación moi xeneralizada entre a xente nestes tempos de pandemia, a de estar vivindo nunha película apocalíptica. A realidade superou a ficción totalmente e supoño que todos eramos conscientes de que este momento chegaría tarde ou cedo. Persoalmente, teño aínda moito que aprender e moitas cousas pendentes por facer nesta profesión. Quero meterlle moita enerxía nos próximos anos a traballos relacionados cos dereitos humanos. O fotoxornalismo é unha paixón, un método de vida e a través del podes vivir todo tipo de experiencias vitais. Iso é o que quero continuar facendo durante toda a miña vida.

–Esta situación de pandemia, que cambios trouxo á profesión? Había moita incerteza nos primeiros momentos. Agora traballades con máis seguridade?

É certo que ao comezo foron momentos de inseguridade e incerteza, as medidas restritivas mudaban cada día e os informadores gráficos saïamos para documentar o que pasaba. Non sabiamos moi ben como protexernos ante o virus pero o noso traballo era indispensable, aínda que moitas administracións ou institucións seguen sen saber valoralo. Foi un momento moi importante para traballar, poder documentar unha crise sanitaria, económica e social tan grande no noso propio territorio deulle un sentido de responsabilidade enorme ao noso traballo. Estamos afeitos a ver as desgrazas e catástrofes dende fóra e desta volta a desgraza estaba entre nós, no noso pobo e na porta da casa.

"O que sucede non sucede se non é visible"

 

Os fotoxornalistas fomos, en certa medida, os ollos da sociedade cando a actividade estaba paralizada agás para os traballadores esenciais. O que sucede non sucede se non é visible, e é unha mágoa que non todo o mundo poida chegar a entender algo tan básico.

–Acabas de referirte ás administracións e institucións. Falemos delas. Puxeron ou poñen atrancos para informar?

Pode soar forte pero penso que vivimos momentos de moita censura na actualidade. Documentar gráficamente a pandemia está a ser moi complicado, máis aínda no caso de Galicia. Un exemplo disto é que o acceso aos hospitais públicos galegos para mostrar o traballo do persoal sanitario está completamente vetado. É moi canso ter que insistir continuamente na importancia de fotografar o que sucede. A relevancia do documento gráfico nun momento histórico debería estar fóra de toda dúbida e non só no futuro, senón agora, cando debería servir para concienciar á poboación. Pensemos nas campañas de tráfico, nas imaxes dos paquetes de tabaco...pero con isto non. O sistemático coa cobertura da pandemia é topar con muros infranqueables para poder traballar.

Os gabinetes de comunicación dos hospitais proporcionan as súas propias imaxes tras poñeren todo tipo de impedimentos aos traballadores gráficos e esgrimiren que o acceso é imposible, achegando razóns coma que hai que preservar a identidade dos doentes. Pero despois son os propios gabinetes os que difunden as imaxes coas caras dalgúns doentes rodeados de aplausos, mostrando unha imaxe benévola da pandemia. É todo incoherente e repercute directamente nos nosos postos de traballo e na calidade da información e os medios de comunicación tamén son cómplices por publicaren esas imaxes pero, claro, o certo é que non teñen acceso a outras.

–Por que dis “aínda máis no caso de Galicia” cando falas de impedimentos para documentar a pandemia?

Cónstame que houbo atrancos para informar gráficamente en todo o territorio español mais penso que pouco a pouco noutras comunidades foise abrindo a man. Temos imaxes de Unidades de Coidados Intensivos de Barcelona, de Madrid, seguimentos aos traballadores das ambulancias en Asturias, etc. En boa medida, no resto do Estado, aínda que se tardou, acabouse informando . Refírome sempre a organismos públicos. En hospitais públicos galegos é imposible, hai un hermetismo total. Considero que, se Galicia non é a comunidade máis hermética do territorio español, si é unha das que máis. Seguro.

"Existe unha tremenda infantilización da información"

  

–As vosas imaxes quedan aí, prendidas para sempre. Son documentos que pasan á Historia e axudan a contala. Queda coxo o álbum de fotos?

Queda moi coxo o discurso en canto a imaxes no interior dos centros sanitarios galegos. Teño que insistir neste punto porque creo que é certo que as historias relevantes desta pandemia están dentro dos hospitais, nas morgues ou nos cemiterios, lugares a onde os medios de comunicación temos moi complicado o acceso. Sabemos traballar mostrando o necesario, con sensibilidade e respecto, preservando a identidade da xente que sofre as consecuencias da covid. Na primeira vaga, mentres morrían milleiros de persoas, as imaxes predominantes eran as dos aplausos. Existe unha tremenda infantilización da información porque as administracións tratan á poboación coma menores de idade e o peor de todo é que semella que como sociedade xa non cuestionamos prácticamente nada.

–Vivimos na chamada sociedade da información...Remata ti a frase.

Instrumentalizada polo poder.

–Os fotoxornalistas, dixéchelo antes, erades os ollos da sociedade cando a poboación estaba confinada. Isto engade un plus de responsabilidade ao voso traballo. Non dá algo de vertixe?

Certamente sempre trato de afrontar o meu traballo con gran responsabilidade. Informar gráficamente á poboación é algo necesario e importante. Coa sociedade confinada, esta responsabilidade informativa adquiriu máis relevancia. Por exemplo, nos momentos dos “policías do balcón” a xente estaba moi susceptible diante do que vía, mais as actitudes pouco responsables da poboación non eran tan xeralizadas. Os fotoxornalistas somos os primeiro filtro sobre as nosas imaxes e dentro do noso código deontolóxico vai implícito saber o que debemos mostrar en cada momento.

"Coa sociedade confinada, a responsabilidade informativa adquiriu máis relevancia"

 

–Fasme preguntarche polas fake news, que tanto barullo provocan sobre todo en momentos coma este. As vosas fotos teñen sinatura, pasan o filtro. Vindes poñer un pouco de orde en todo este boureo que provocan as noticias falsas?

Existen moitas imaxes que axudan a mostrar unha realidade e a sensibilizar á sociedade sobre determinadas problemáticas e iso dálle moito sentido ao que facemos. Pero tamén existe o contrario, imaxes que recrean situacións falsas ou que están directamente ficcionadas para resultaren máis impactantes. Por outra banda, na actualidade vivimos no mundo do clickbait, onde adoita ser máis importante a rapidez e a cantidade de visitas a unha web que constrastar os datos ou facer unha información de calidade. A honestidade vai dentro de cada un en todos os ámbitos da vida, incluído o fotoxornalismo.

–Informar con honestidade sobre unha realidade que parece máis ben ficción. Non debemos baixar a garda?

A realidade sempre é subxectiva. Faime moita graza como algunhas persoas do gremio se esforzan por abandeiraren a verdade. As historias que documentamos sempre chegan a través das nosas vivencias persoais, a nosa bagaxe cultural, etc. Por exemplo, no ámbito xornalístico eu non vexo mal escribir unha crónica en primeira persoa se es capaz de outorgar a importancia da historia ao seu protagonista. Na nosa profesión existe unha liña miúda entre o egocentrismo e a honestidade. O importante é facer chegar ao espectador a información da forma máis honesta posible.

"O importante é facer chegar ao espectador a información da forma máis honesta posible"

 

–Nesta profesión, que aprendemos coa pandemia?

Gustaríame dicir que na pandemia aprendemos moitas cousas pero penso que non aprendemos nada. A sociedade non valora suficientemente o acceso á información e atrévome a dicir que nin sequera sabe valoralo moita xente que traballa nos medios de comunicación. A nosa profesión é cada vez máis precaria, está cada vez máis posicionada e penso que a pandemia vén debilitala aínda máis.

Profesión a un lado, xa desde o punto de vista máis social, díxose moito unha cousa: que a ver se todo isto que acontece servira para que a humanidade reflexionase, para lle dar un respiro ao planeta, por un modelo de mobilidade máis sostible etc. Eu tentei ver o lado positivo, porque todo ten un lado positivo aínda que pareza moitas veces complicado atopalo. Eu vía ese respiro para o planeta, como a natureza alentaba, como os animais se ían abrindo camiño. Pensei que a sociedade podería reflexionar sobre un cambio no modelo de vida, que fose máis sostible e respectuoso co medio ambiente, pero vexo que non.

–Os fotoxornalistas galegos estades unidos, facendo traballo en común. Tendes proxectos xuntos. Cal é o obxectivo desa irmandade?

Formo parte do colectivo Imaxe Covid xunto con outras cinco persoas. Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Miguel Muñiz, Miguel Riopa e Mónica Vila. Pensamos que nun momento tan importante para a Historia de Galicia era fundamental xuntarnos para aportar un amplo abano de escenas sobre o que acontecía e segue a acontecer. A nosa intención principal é facer un discurso o máis completo posible da pandemia e está a ser moi enriquecedor documentar entre todos dende diferentes zonas do país e con diferentes olladas. Participamos en varias exposicións e agardo que outras iniciativas vaian florecendo. A unión sempre fai a forza. Podedes seguir o noso traballo día a día en Instagram, Twitter e Facebook.

–Das fotos sobre covid que sacaches, se tiveras que elixir unha, con cal te quedas? Das que aínda tes por facer, cal máis ansías?

Para transmitir hai que sentir e eu tiven a sorte de poder documentar o traballo dentro da residencia de maiores San Carlos de Celanova nun momento no que varios usuarios estaban infectados pola covid. Asombroume a humanidade do persoal do centro durante xornadas interminables e tomei unha imaxe da man dunha traballadora agarrando a man dunha usuaria. Penso que é a fotografía que resume moitas cousas das que aconteceron e coa que eu teño un vínculo especial.

Non ansío ningunha imaxe en concreto pero gustariame ter a oportunidade de fotografar no interior dunha UCI dun hospital público galego. Se a realidade non se ve, non existe.

MATILDE VÁZQUEZ