Brión, Oroso e Carral reciben a visita dos obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas

  • Obradoiro impartido este mércores 2 de abril no IES de Brión por Marga Tojo
  • Cinthia Piñeiro imparte un obradoiro contra a desinformación no IES de Oroso

Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recalaron onte nas localidades de Brión e Oroso, onde Marga Tojo e Cinthia Piñeiro, respectivamente, impartiron dous talleres deste programa de alfabetización mediática. Hoxe é a quenda do alumnado do IES de Carral, da man de Miguel Rodríguez, que mañá impartirá un novo taller no mesmo centro de ensino. Este programa desenvolvese en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.

Os obradoiros contra a desinformación desenvolvidos polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, grazas a un convenio coa área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, chegaron onte ao alumnado do IES de Brión, a través dun taller con Marga Tojo González, comunicóloga e escritora, que traballou durante unha década no extinto xornal Galicia Hoxe e forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, ademais de colaborar con eldiario.es, Público, Nós Diario ou O Salto diario. Tamén se realizou un taller no IES de Oroso, impartido por Cinthia Piñeiro, xornalista e 'podcaster', gañadora en 2023 da VIII Bolsa Nacho Mirás, que conta con experiencia en diferentes sectores da comunicación e traballa na actualidade na Televisión de Galicia.

A actividade de alfabetización mediatica do Colexio de Xornalistas continúa hoxe no IES de Carral. O alumnado de 3º da ESO poderá desfrutar dun obradoiro contra a desinformación , ás 13:20, impartido polo xornalista Miguel Rodríguez Fernández, e aínda recibira un máis mañá venres ás 10:30. Miguel Rodríguez traballou cinco anos en La Opinión A Coruña e foi xornalista de datos na axencia de noticias Press Association no Reino Unido; desde 2019 é editor de Datos en ICIS, ademais de colaborar con medios elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Tempos Novos..

Obradoiros contra a desinformación 

O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática.  O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. No caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers.

Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.

CPXG