Brión será a seguinte parada da segunda edición de ‘Xornalismo na Escola’

O IES de Brión será o próximo instituto que participará, este martes e xoves, da segunda edición de “Xornalismo na Escola”, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar aos máis novos o xornalismo e os medios de comunicación a través dunha serie de obradoiros.

No centro educativo de Brión están programados dous obradoiros para esta semana, que correrán a cargo da xornalista Lucía Álvarez. O primeiro vai ter lugar o martes, día 28, ás 16.15, impartirase a alumnos de 4º da E.S.O, mentres que o segundo se vai desenvolver o xoves, día 30, ás 10.20 na aula dos de 3º da E.S.O.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas como A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía. 

Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa polo éxito obtido na edición anterior. Barcelona, Sevilla e Madrid, son algunhas localidades onde se veñen celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, aceptación e moi bos resultados.

CPXG