Candia, Méndez, Arroxo e Louzao confrontan os seus proxectos para Lugo no debate organizado polo CPXG e a APL

De esquerda a dereita, Olga Louzao, Elena Candia, Lourdes Abuide, Lara Méndez e Rubén Arroxo, no debate electoral

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación de Prensa de Lugo organizaron este luns 15 de maio na Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo o debate electoral entre Elena Candia, Lara Méndez, Rubén Arroxo  e Olga Louzao . As candidatas e o candidato á alcaldía de Lugo polos catro partidos con representación municipal puideron ofrecer as súas propostas sobre mobilidade, cultura e turismo, infraestruturas ou economía, nun acto que contou coa gravación en directo do alumnado do CPR-TIC.

A Casa do Saber acolleu onte o debate electoral, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e pola Asociación de Prensa de Lugo, entre os distintos candidatos á alcaldía de Lugo dos catro partidos que obtiveron representación nas últimas eleccións municipais. Elena Candia (PP), Lara Méndez (PSOE), Rubén Arroxo (BNG) e Olga Louzao (Ciudadanos) confrontaron, baixo a moderación da xornalista Lourdes Abuide as súas propostas para o goberno da cidade ante un auditorio cheo de xornalistas e veciñanza. O acto puido ser tamén seguido en streaming e continúa dispoñíbel na rede o vídeo íntegro do mesmo, que xa conta con máis de 1.500 visualizacións.

O debate estruturouse arredor de bloques temáticos, nos que as candidatas e o candidato puideron ofrecer os seus puntos de vista sobre mobilidade (coa peonalización, o carril bici ou a conectividade da cidade como temas principais), cultura, ocio e turismo (cunha confrontación entre o turismo de cantidade e o de calidade, ademais de distintas propostas culturais de todos os grupos), infraestruturas (coa apertura do auditorio, a estación intermodal e a reforma do cuartel de San Fernando como asuntos recorrentes) e a transformación económica da cidade (onde os grupos se centraron principalmente nas estratexias para garantir o asentamento de empresas na cidade e a dotación de servizos ao rural). Para rematar, e como é habitual, o candidatos e as candidatas dispuxeron dun tempo para solicitar directamente o voto ao seu electorado. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación de Prensa de Lugo organizaron este acto en beneficio da normalidade democrática e da liberdade de expresión da sociedade luguesa, co fin de facilitar información directa da visión da cidade dos distintos partidos políticos, e co convencemento de que é sobre as e os xornalistas, como garantes profesionais do dereito á información, sobre quen debe recaer a responsabilidade de organizar e conducir este tipo de debates electorais. Ambas as dúas organizacións agradecen a colaboración da vicerreitoría de Lugo da USC, que cedeu a Casa do Saber, e moi especialmente á Escola de Imaxe e Son CPR-TIC, institución dependente da Deputación de Lugo, cuxo alumnado realizou a gravación en directo do acto.

CPXG