Catro novos asasinatos elevan a 219 o número de xornalistas mortos en Gaza
O Sindicato de Xornalistas Palestinos informou das mortes de Noor Qandil, Khaled Abu Seif, Aziz Al-Hajjar e Abdul Rahman Tawfiq Al-Abadla, cos que son xa 219 os xornalistas asasinados por parte do exercito israelí desde outubro de 2023. Os xornalistas de Gaza están a ser obxecto dunha campaña de persecución sen precedentes e, con todo, continúan a ser a única voz que informa desde a zona. Por esa razón, o Sindicato de Xornalistas Palestinos recibiu este ano o XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa.
O Sindicato de Xornalistas Palestinos anunciou o pasado domingo a morte de catro novos xornalistas en Gaza a mans do exército israelí. Con estes novos falecidos, son xa 219 os e as profesionais da comunicación asasinados na Faixa, no que significa o maior ataque contra a vida de xornalistas na historia recente. A organización que agrupa ao conxunto de profesionais da comunicación de Palestina pídelle á Corte Penal Internacional que asuma "as súas responsabilidades legais e morais" e emita con urxencia ordes de arresto contra os líderes israelís implicados no que cualifican como "asasinato deliberado de xornalistas palestinos".
A xornalista Noor Qandil morreu xunto ao seu marido, o tamén xornalista Khaled Abu Seif e mais a filla de ambos nun ataque da aviación israelí á casa na que se refuxiaban en Deir al-Balah, no centro de Gaza. O fotoxornalista freelance Aziz Al-Hajjar foi asasinado xunto a muller e os fillos tamén como resultado dun ataque aéreo israelí, neste caso na localidade de Beit Al-Naaja, ao norte da Faixa. Por último, en Al-Qarara, no sur de Gaza, foi confirmado falecemento do informador Abdul Rahman Tawfiq Al-Abadla, que levaba dous días desaparecido.
Dende o 7 de outubro de 2023, os xornalistas palestinos son obxecto dunha campaña sistemática de persecución por parte do exército israelí, sen precedentes na historia recente, encadrada dentro dos ataques e a ocupación que está a realizar en Gaza. Segundo datos do Sindicato de Xornalistas Palestinos, son xa 219 os xornalistas asasinados, ademais de centos de comunicadores arrestados, numerosas vivendas de profesionais destruídas e oficinas de medios bombardeadas. Por esta razón, e polo traballo de todos aqueles profesionais que seguen a informar, malia todo, desde Gaza, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia concedeulle este ano ao Sindicato de Xornalistas Palestinos o XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa.
CPXG