Celanova é a seguinte etapa ourensá da segunda edición de ‘Xornalismo na Escola’

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES As Lagoas de Ourense o pasado 17 de marzo

O IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova será o próximo instituto que participará, este venres, da segunda edición de “Xornalismo na Escola”, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar aos máis novos o xornalismo e os medios de comunicación a través dunha serie de obradoiros.

O IES Celso Emilio Ferreiro vai acoller talleres dirixidos ao alumnado de 3º e 4º da ESO, impartidos por Xosé Lois Carrión este venres 31 entre as 10:45 a 14:25 horas. Trátase do segundo IES da provincia que recibe os obradoiros de Xornalismo na Escola, que xa chegaron ao IES As Lagoas da capital. Esta segunda edición de Xornalismo na Escola, que se iniciou o pasado dous de marzo no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía tense trasladado tamén a Vigo, Ribeira, A Coruña, Betanzos, Santiago, Lugo e Brión.

O obxectivo dos obradoiros é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as novas nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e as vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar tamén esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG