Centos de persoas chaman ao rescate dos medios públicos galegos en Santiago de Compostela

Saída da manifestación "Por unha CRTVG ao servizo do pobo". Foto: Praza Pública (CC-BY-SA)

A manifestación "Por unha CRTVG ao servizo do pobo", organizada por mais de corenta colectivos, encabezados polo Comité Intercentros da radiotelevisión pública galega, reuniu este domingo a centos de persoas nunha marcha que encheu a compostelana praza de Praterias. A convocatoria, apoiada polo CPXG e outros nove colexios de xornalistas, reivindicou no seu manifesto a necesidade duns medios públicos imparciais, vertebradores de Galicia e a súa realidade social e que fomenten a igualdade; ademais de reclamar o cumprimento dos aspectos sen desenvolver da normativa audiovisual galega, como o estabelecemento do estatuto profesional e do consello de informativos, a elección do/a director/a xeral da CRTVG por maioría parlamentaria reforzada ou a posta en marcha dunha autoridade audiovisual independente. 

Centos de persoas, entre traballadores, membros dos colectivos sociais e cidadanía en xeral, participaron onte da manifestación convocada en Santiago de Compostela polo Comité Intercentros da radiotelevisión pública galega, xunto a ducias de organizacións, baixo o lema "Por unha CRTVG ao servizo do pobo". A multitudinaria marcha saiu pasadas as 12:30 da Praza Roxa e rematou enchendo a Praza de Praterías, onde se leu o manifesto que chamou á sociedade galega a acudir ao "rescate" dos medios públicos ante o que calificaron como o seu “secuestro” por parte do executivo galego. 

No texto do manifesto, os colectivos convocantes da manifestación reclamaron unha radiotelevisión pública galega libre de manipulación e parcialidade, espello da complexidade da realidade de Galicia, con cobertura territorial de todo o país, defensora da identidade galega, cun papel estratéxico na converxencia dixital e no fomento da igualdade, cunha programación especialmente dirixida á infancia e á mocidade, dotada de estrutura e recursos axeitados e que sexa motor do desenvolvemento da produción audiovisual. Ademais, chamaron aos poderes públicos a cumprir a normativa do sector audiovisual público galego, facendo especial referencia á "designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego; o establecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, ou a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG".

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresou o seu apoio a convocatoria ao considerar que o conxunto das súas reivindicacións "concorda coas liñas de traballo que sempre defendeu para os medios públicos" o CPXG. Os colexios profesionais de xornalistas de Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Murcia, Navarra, o País Vasco e A Rioxa fixeron tamén un chamamento a participar da marcha, "valorando moi positivamente o papel da sociedade civil en defensa da independencia dos medios e a liberdade de información".

CPXG