Charla de Marcos Méndez este xoves no Centro Internacional de Prensa de Galicia
O Centro Internacional de Prensa de Galicia organiza este xoves 8 de xuño a conferencia Marcos Méndez, un xornalista galego na guerra de Ucraína, co recente gañador do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O acto terá lugar na sede do CIP, no número 9 da Rúa Nova de Santiago, e dará comezo ás 19:30. A entrada é libre até completar a capacidade da sala.
No acto, o reporteiro lucense Marcos Méndez contará en primeira persoa a súa experiencia na guerra de Ucraína, desde onde comezou a informar o 25 de febreiro de 2022. Cubriu a crise de refuxiados, para logo chegar a Kíiv a mediados de marzo, cando comezou o asedio da capital. Estivo informando por todo o país. incluíndo o Donbás, Khárkiv, Mykolaiv ata Odesa. Foi dos primeiros informadores que entraron en Bucha a mañá do 2 de abril. As súas informacións apareceron en El Progreso, a TVG e Radio Galega, Telecinco, Cuatro, AIL ou Televisión Caracol de Colombia.
Marcos Méndez Moreira naceu en Lugo en 1976 e é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidad de Navarra. En 1996 comeza a incorporarse aos medios de comunicación, exercendo como xornalista en Localia Telelugo, Atlas Galícia (Tele5), Antena3 e TVE. Desde 2010 traballa como xornalista freelance en medios como a Televisión de Galicia, a Radio Galega, laSexta, Tele5, Cuatro, Alianza Informativa Latinoamericana e Tv Caracol, cun labor xornalístico que o levou aos cinco continentes, e actualmente é correspondente na guerra de Ucraína. En maio deste ano recibiu o Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.
CPXG