Chegan a Viveiro este xoves 10 os obradoiros contra a desinformación do CPXG
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o vindeiro xoves 10 de setembro ás 20:00 horas no Salón Multiusos do Concello de Viveiro un novo obradoiro de alfabetización mediática dirixido á poboación adulta. O taller, encadrado no programa de obradoiros contra a desinformación, organizado coa subvención da Deputación de Lugo, estará impartido por Carmen Abuín, e a asistencia é libre e gratuíta, sen necesidade de inscripción previa.
O xoves 10 de setembro vai ter lugar, a partir das 20:00 horas, un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunha vintena de localidades lucenses, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar no Salón Multiusos da Casa do Concello de Viveiro (Praza Maior, 1). A poboación desta localidade mariñá poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas.
O obradoiro estará impartido pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información con experiencia comunicativa en El Progreso e Diálogos Comunicación, e docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas. Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros, Abuín recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
A asistencia ao acto é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa.
Obradoiros contra a desinformación
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.
CPXG