Colexiados e colexiadas aprenden a educar contra a desinformación
O Centro Social Santa Marta de Santiago de Compostela acolleu este sábado 14 de decembro a xornada de formación en alfabetización mediática organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartida por Nereida Carrillo, da organización Learn to Check. Unha trintena de colexiadas e colexiados instruíronse neste curso sobre as estratexias de quen propaga noticias falsas e sobre como trasladar á sociedade recursos para combater as mentiras.
A primeira metade da xornada estivo centrada nunha explicación do fenómeno da desinformación e os seus efectos na sociedade, analizando as diferentes formas que poden adoptar as loiadas e detallando as ferramentas coas que se poden contrastar e verificar supostas noticias, información científica, fotografías ou vídeos. Na segunda parte da formación, Carrilo centrouse na alfabetización mediática e informacional, achegando claves para impartir obradoiros ao público adolescentes e explorando diferentes formatos para os talleres de información.
Nereida Carrillo, doctora en Xornalismo e Comunicación pola Universitat Autònoma de Barcelona e profesora nesa mesma institución, é freelance e colaboradora en distintos medios, ademais de no Col·legi de Periodistes de Catalunya, e ten impartido numerosos obradoiros formativos a través do programa EduCAC. Desde setembro de 2020 lidera a plataforma Learn to Check, un proxecto educativo para combater a desinformación e promover a verificación dixital.
Esta xornada serve de punto de partida para novos proxectos de alfabetización mediática organizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. As persoas participantes que así o desexen pasarán a formar parte dunha bolsa de traballo do Colexio para impartir talleres sobre desinformación en galego, de maneira remunerada. O programa vai iniciarse con obradoiros dirixidos ao alumnado da provincia da Coruña, mais continuará con outros enfocados tanto á poboación escolar como adulta.
CPXG