Comeza no 'Diario de Pontevedra' unha nova serie de obradoiros sobre tratamento das violencias machistas

Susana Pedreira imparte o obradoiro no 'Diario de Pontevedra'

O Colexio de Xornalistas iniciou hoxe unha nova edición da formación específica nas redaccións sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, cun obradoiro impartido na sede do Diario de Pontevedra por Susana Pedreira. Esta experiencia, que continúa o traballo pioneiro realizado o ano pasado en cinco dos principais medios galegos, é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.

O Diario de Pontevedra acolleu a mañá deste mércores o primeiro obradoiro dunha nova etapa da formación posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que leva ás redaccións galegas a formación para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres. Nunha sala ateigada, as redactores e os redactores da cabeceira pontevedresa recibiron ferramentas para informar de maneira responsábel sobre esta temática, da man da xornalista Susana Pedreira. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026. 

A sesión formativa achegou coñecementos e técnicas prácticas, de maneira adaptada ás esixencias e ritmos de traballo dunha redacción, para mellorar a calidade das informacións sobre as violencias machistas. Igualmente, resolvéronse dúbidas e formuláronse reflexións profesionais sobre unha materia informativa que se estendeu nos últimos tempos a tódalas seccións, da Política ao Deporte ou á Economía. Algúns dos puntos tratados foron a diversificación das fontes (con ideas para evitar o abuso de fontes veciñais ou familiares), a contextualización (cunha explicación de por que a violencia de xénero é un problema estrutural e require un tratamento diferenciado con respecto a outros crimes) ou a necesidade de construir un relato xornalístico dos feitos que non caia na culpabilización da vitima e evite a revitimización.

Susana Pedreira é licenciada en xornalismo e desde 2010 traballa na redacción galega de Onda Cero, en programas como Pontevedra en la onda, Gente viajera, Un alto en el camino e, actualmente, Más de uno Pontevedra. Xunto a DIana López Varela, coordina desde 2018 o encontro As Mulleres que Opinan Son Perigosas. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.

Con este obradoiro iníciase unha nova etapa do programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continuará agora con nove obradoiros máis. A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".

CPXG