Comezan os traballos da quinta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa"

Manuel González Sánchez-Guisande, Olaia Tubío Rei, Angel Castro Silva, María Rodiño Pérez, Xavier López Quiroga e Edith Filgueira Rodríguez na xuntanza de hoxe na sede do CPXG

Esta semana comezaron os traballos previos da quinta edición de ‘Xornalismo na Escola "la Caixa"’, iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, tras a selección dos seis colexiados e colexiadas que impartirán os obradoiros sobre comunicación a alumnos de 3º e 4º da ESO en centros de toda a xeografía galega.

As e os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros, Angel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel González Sánchez-Guisande, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei, reuníronse hoxe na sede do Colexio de Xornalistas en Santiago para coñecerse e pór en común os seus puntos de vista sobre como achegar a comunicación ao alumnado galego, ademais de comezar a preparar o material didáctico que se usará nos institutos. 
 
As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.
 
Os IES interesados nos obradoiros aínda poden solicitalos a través do correo xornalistas@xornalistas.gal, indicando un teléfono ou correo electrónico para contactar coa persoa responsable da actividade.
 
Este proxecto é posible grazas á colaboración da Obra Social 'la Caixa', quen hai catro anos impulsou xunto co Colexio de Xornalismo esta iniciativa de sensibilización sobre a importancia da comunicación na sociedade entre os máis novos.
 
CPXG