Concedidas as axudas da Secretaría Xeral de Medios a empresas xornalísticas

O Diario Oficial de Galicia recollía o pasado venres 30 de decembro as resolucións das axudas da Secretaría Xeral de Medios a empresas xornalísticas e de radiodifusión correspondentes ao ano 2022, así como as concedidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

Nas axudas correspondentes a xornais impresos en formato papel, as principais entidades beneficiarias das axudas foron La Voz de Galicia (con 586.564,37 euros), Faro de Vigo (236.640,26), El Progreso (140.542,17) e La Región (128.948,30). Tamén recibiron subvencións, por debaixo dos 100.000 euros, Lérez Ediciones (editora do Diario de Pontevedra), Rías Baixas de Comunicación (empresa de Atlántico Diario), La Opinión A Coruña e Editorial La Capital (propietaria de El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa Diario de Bergantiños).

No que fai a empresas radiofónicas, as receptoras dunha maior contía foron Radio Popular (con 68.914,81 euros); Uniprex, xestora de Onda Cero e Europa FM (67.036,63); Radio Coruña (44.022,09), con axudas menores de 30.000 euros para Radio Vigo, La Voz de Galicia Radio, Radio Orense, Radio Pontevedra, Sociedad Española de Radiodifusión e Radio Lugo. 

No apartado correspondente a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet, as principais beneficiarias foron La Voz de Galicia (280.969,11 euros), Faro de Vigo (80.035,98), El Progreso de Lugo (25.654,07), La Región (17.847,97), La Opinión A Coruña (16.334,51) e Lérez Ediciones (10.946,35), aínda que tamén hai subvencións menores de 10.000 euros para Rías Baixas de Comunicación, Virtual Vedra Comunicación, Editorial La Capital, Sermos Galiza, Europa Press Delegaciones e Radio Coruña. 

Por último, no referente ás axudas concedidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego, as principais cabeceiras receptoras das subvencións son Nós Diario (30.000 euros), Barrios (11.140,94), Encomún (10.913,84), O Barbanza (7.485,47), A Mariña Xa (7.050,35), Terra Cha Xa (6.318,79), e A Nova Peneira (6.265). Tamén recibiron axudas, xa por debaixo dos 5.000 euros, outras cabeceiras das empresas Libre Expresión de Medios de Galicia (Crónicas PTVRouco Son AMSGO!), Garherve (O Sil Deportivo O Sil Ano 2000), Underwood Media (Crónicas de Ordes e STGO!), Editorial Novas do Eixo Atlántico (Foro A Peneira, O Farelo, Novas do Eixo Atlántico e Novas de Turonio), Manuel Núñez Fiúza (O Periódico Lalín e Comarca), Publicidade Terceiro Milenio (Xornal 21), Ana Conde Miranda (Teovivo), Edicións Mide (Hermes&Atenea), Código Cero Comunicación (Código Cero), Arrincamos (Sprint Motor), Ediciones Edisport (Vigo Deportivo, A LouriñaO Salnés O Condado-A Paradanta), Atlántica de Información e Comunicación de Galicia (Tempos Novos) e Luzes Xornalismo que Conta (Luzes). 

Estas axudas son as únicas convocatorias abertas e en réxime de concorrencia non competitiva para o sector xornalístico en Galicia. As restantes achegas a medios do sector público autonómico realízanse mediante convenios ou insercións publicitarias. Pódense consultar as resolucións de axudas aquí e aquí.

CPXG