Conciencia e resistencia: Manifesto do CPXG polo Día da Liberdade de Prensa

129 xornalistas foron asasinados no mundo en 2025 (1). É a cifra máis alta en 30 anos. Dous terzos desas mortes ocorreron en accións do exército israelí. 

En 36 países europeos, no mesmo ano, rexistráronse 1.481 violacións da liberdade de prensa, incluíndo peches forzados, bloqueos e presións económicas e políticas que condicionaron as informacións (2). Calquera xornalista en exercicio sabe que esta cifra é moito maior. 

Segundo Reporteiros sen Fronteiras, en case un terzo dos países do mundo os peches de medios e os despedimentos de xornalistas son unha constante. O 4 de febreiro deste ano, The Washington Post, unha cabeceira outrora símbolo do xornalismo independente e fiscalizador do poder, hoxe propiedade do dono de Amazon, anunciaba unha reestruturación que incluía o despedimento masivo de xornalistas. Afectoulle a máis de 300 empregados e empregadas, incluída a correspondente na guerra de Ucraína. 

Uns meses antes, en novembro, un respectado xornalista en exercicio, José Precedo, viuse obrigado a lembrar ante o Tribunal Supremo español en que piares se sustenta a liberdade de prensa e a facer unha defensa pública da dignidade do oficio.

Hai pouco que celebrar no Día da Liberdade de Prensa de 2026. E, sen embargo, hai moito que celebrar.

Que haxa quen siga xogando a vida para contar o que pasa no mundo, por exemplo. Non é pouca cousa. Que haxa quen defenda o oficio ante quen faga falta. Incluso que haxa quen aínda cre que no xornalismo ben feito cabe a esperanza dun mundo mellor e máis xusto. Quedan profesionais para os que contar a verdade segue sendo o único que importa. Traia as consecuencias que traia e con case todo en contra. O mérito dos que resisten é indubidable. Ser xornalista hoxe non só está mal pagado, precarizado e sobrecargado en case todos os ámbitos, senón que ademais está pouco recoñecido, cando non desprezado.

Doutra banda, o xornalismo semella máis necesario que nunca nun mundo que quedou reducido en boa medida (da política internacional á cultura local) a puro espectáculo de entretemento, a opinión inxectada no que se presenta como información e a populismo a golpe de clic. Neste océano de trampas, o xornalismo é un salvavidas. Porque os criterios que o rexen son os mesmos en Gaza, en Washington e na rúa de aquí ao lado: rigor, verificación e compromiso coa verdade. Por riba de ideoloxías e de poesías. De egos e de presións externas, sexan as do público que só está satisfeito cando se lle dá a razón; as da empresa que non ten presente a función social dun medio de comunicación; ou as dos poderes políticos e económicos, pequenos e grandes, que non entenden que a publicidade se paga á parte. Contra a inmundicia, “a verdade dos feitos”, que di Soledad Gallego-Díaz (3).

As normas deontolóxicas hoxe, máis que nunca, semellan vencidas pola abafante tecnoloxía ata o punto de abrir o debate de se son necesarios os xornalistas. 

As ferramentas sen conciencia pretendendo substituír os suxeitos ante a pasividade xeral debuxan un futuro máis ameazador que nunca para unha profesión que sempre tivo a tentación de “imprimir a lenda” (4). Directamente acabou imprimíndose a mentira. Porque se ben a ameaza da falta de escrúpulos e da manipulación sempre rondou o xornalismo, co impacto das redes sociais, a aparición de pseudomedios e as incorporación das IA a dimensión do problema chegou en pouco tempo a uns límites insospeitados.

A indiferenza ante a desaparición dos xornalistas e dos valores que deberían representar, plenamente vixentes, é quizais o perigo máis importante de todos cantos ameazan a profesión. Non hai quen pregunte. Non hai quen poña as contradicións enriba da mesa. Non hai quen dea a lata nin cree problemas. 

Aquilo que se ensinaba nas facultade de “ir, ver e contar” foi progresivamente aniquilado: xa non hai que ir a ningún sitio, os gabinetes e as axencias de comunicación mándano todo; xa non hai que ver nada, o punto de vista vén dado, e, finalmente, xa non hai que contar, porque hai unha IA que se encarga de facelo. A intoxicación da información que lle chega aos cidadáns é un feito desgarrador. A manipulación tamén. Porque, deamos as voltas que deamos, como di o slogan que se popularizou contra a precariedade do sector: “sen xornalistas non hai xornalismo”.

Neste contexto, a reivindicación da sinatura é máis necesaria que nunca. Existe esa persoa que asina a información? Quen é? Onde se formou? Que experiencia ten? “A información debe aparecer asinada por persoas que se coñecen”, como di Carmela Ríos (5). A profesionalidade e a especialización son as grandes esperanzas da profesión. É importante reivindicalo porque son as únicas que recuperarán a confianza da cidadanía e o valor do noso papel como intermediarios. Igual que o xornalismo será feminista ou non será, será especializado ou non será e será comprometido cos dereitos humanos ou non será.

Que a liberdade de prensa se considere un piar das democracias non é nin unha cuestión menor nin nos afecta só aos xornalistas. A súa existencia garante o dereito dos cidadáns a estar informados. Os xornalistas estamos para iso: para contarlles o que pasa. Adoita dicirse que co noso traballo funcionamos como o limpacristais da sociedade. Deixamos o cristal transparente para poder ver o que pasa de verdade e con claridade. Se a liberdade de prensa deixa de ser unha esixencia social incontestable, o cristal un día estará tan sucio e cheo de lixo que ninguén será capaz de ver nada.

Belén López
Xornalista

 

(1)  Informe de Committee to Protect Journalists. A cifra varía segundo a fonte que se consulte e a metodoloxía de verificación que empregue: xornalistas en exercicio ou non, incluíndo cámaras ou fotógrafos ou non, etc. En 2025, a Federación Internacional de Xornalistas documenta 128; a UNESCO, 93 e Reporteiros Sen Fronteiras, 67.

(2) Informe de Media Freedom Rapid Response correspondente ao ano 2025.

(3) Conferencia ‘Se te van matar, non te suicides’, pronunciada na inauguración do 26º curso de la Escuela de Periodismo EL PAÍS-UAM, o 15 de marzo de 2012.

(4) O home que matou a Liberty Valance (1962), dirixida por John Ford.

(5) Conferencia ‘O desafío da desinformación’, pronunciada no foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, o 13 de marzo de 2026.