Últimos días para presentar candidaturas ás prazas para impartir os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa"

Até as 19:30 horas do mércores 31 de outubro continúa aberto o prazo para presentar candidaturas ás seis prazas para impartir os obradoiros da cuarta edición da iniciativa Xornalismo na Escola "la Caixa", convocada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. Seis xornalistas en paro serán seleccionados para levar as xornadas didácticas sobre comunicación a alumnos de 3º e 4º da ESO.

As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Ás seis prazas convocadas pode concorrer calquera colexiado ou colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que acredite atoparse en paro. A comisión seleccionadora terá en conta a condición de parado de longa duración, o coñecemento de galego e a experiencia profesional e en docencia, sen prexuízo de valorar outras cuestións de interese.

Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os  alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.

As persoas interesadas en impartir as xornadas deben enviar antes das 19:30 horas do 31 de outubro o formulario de inscrición e un breve currículo por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal

​Máis información aquí.

CPXG