Convocado o XXXIII Premio Carracedo, que inclúe unha bolsa para o mellor estudante ourensán que inicie Xornalismo

A Deputación de Ourense vén de convocar a XXXIII edición do Premio Xosé Aurelio Carracedo, en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Este ano, o galardón, ademais de recoñecer a traxectoria profesional dun xornalista, contará tamén cunha bolsa para o ourensán ou a ourensá con mellor expediente académico que curse o primeiro ano do grao en Xornalismo.

O premio á traxectoria profesional terá unha dotación será de 4.500 euros, e no veredicto serán tidos en conta especialmente os vencellos persoais ou profesionais con Galicia, en particular coa provincia de Ourense. Poderán optar ao galardón as e os profesionais ou colaboradores habituais dos medios. As persoas que integren o xurado poderán presentar ata tres candidaturas por cada un dos membros para esta categoría, mentres que asociacións ou colectivos de calquera ámbito poderán presentar unha candidatura por entidade.

Por outra banda, a Deputación estabelece unha novidade nesta convocatoria ao promover a Bolsa Xosé Aurelio Carracedo, que terá unha dotación de 3.000 euros. Con ela, premiarase o mellor expediente económico daquela alumna ou alumno ourensán que cursara o primeiro ano do grao en Xornalismo dentro do sistema público universitario español, correspondente ao ano académico 2022-2023.

Pódense presentar propostas tanto para o premio como para a bolsa nos 30 días naturais seguintes á publicación, este mércores 4, da convocatoria do galardón no Boletín Oficial da Provincia, conforme cos modelos anexos ás bases. A presentación de candidaturas pode facerse de maneira presencial, no Rexistro da Deputación Provincial de Ourense ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou a través do rexistro electrónico xeral da sede electrónica da Deputación Provincial, no enderezo https://sede.depourense.es.

O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense e contará como sempre cun vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ademais de representación da Federación de Asociaciones de Periodistas de España, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo.

CPXG