Convócase a terceira edición de 'Xornalismo na Escola', organizada polo Colexio de Xornalistas e "la Caixa"

Obradoiro da segunda edición de Xornalismo na Escola

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa' continúan coa iniciativa Xornalismo na Escola, que achega talleres didácticos sobre comunicación ao alumnado galego de 3º e 4º da ESO e convocan a terceira edición do proxecto. Nove xornalistas en paro serán seleccionados para impartir os obradoiros.

As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Para impartir os talleres, convócanse nove prazas ás que poderán concorrer calquera colexiado ou colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que acredite atoparse en paro, tendo preferencia aqueles que se encontren en situación de desemprego de longa duración.

Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.

As persoas interesadas en impartir as xornadas deben enviar antes das 19:30 horas do 6 de novembro a documentación que figura no anexo das bases e un breve currículo por correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal

Os IES interesados nos obradoiros poden tamén solicitalos a través do correo xornalistas@xornalistas.gal, indicando un teléfono ou correo electrónico para contactar coa persoa responsable da actividade.

Máis de cento cincuenta talleres realizados

A primeira e a segunda edición de ‘Xornalismo na Escola’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega. Coa nova edición, profúndase aínda máis en dar a coñecer os medios de comunicación ao conxunto de mozas e mozos galegos.

Este proxecto é posible grazas a un convenio de colaboración coa Obra Social 'la Caixa', quen hai dous anos impulsou xunto co Colexio de Xornalismo esta iniciativa de sensibilización sobre a importancia da comunicación na sociedade entre os máis novos.  

Consulta as bases no documento anexo

CPXG