A Audiencia Nacional confirma o arquivo do caso José Couso

A Audiencia Nacional confirmou este xoves 26 o arquivo da causa pola morte do cámara ferrolán José Couso, ao rexeitar formular unha cuestión de inconstitucionalidade pola restricción da lei de xusticia universal. O sobresemento, con todo, é provisorio, e a causa podería ser reaberta se os militares procesados pisasen solo español.

En resposta aos recursos da familia de José Couso e da Asociación Libre de Abogados, que pedían desestimar o arquivo definitivo do caso e formular unha cuestión de inconstitucionalidade contra a reforma da lei de xustiza universal, a sección terceira da Sala do Penal da Audiencia Nacional rexeitou elevar o caso ao Tribunal Constitucional e confirmou así o sobresemento da causa sobre a morte do camara ferrolán.

Os maxistrados Alfonso Guevara, Ángeles Barreiro e Antonio Díaz Delgado, lembran no seu auto a senzenza do Tribunal Supremo de setembro pasado na que se establece que a última reforma da Lei de Xusticia Universal "non infringe o dereito dos Tratados" e consideran innecesario acudir ao Constitucional. Porén, a sala dá a razón aos recorrentes ao modificar o sobresemento definitivo polo que se recolle na Disposición Transitoria da lei, semellante ao provisorio, segundo o cal só se manterá o arquivo mentres ningún dos supostos responsables se encontre en territorio español.

A familia Couso cualificou a noticia como "dolorosa e moi triste" e manifestou a súa vontade de interpór novos recursos contra o auto da Audiencia Nacional, chegando até o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo se se esgotaren as vías de recurso en España.

En xuño deste ano, o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz pechou a causa na que investigaba a morte de Couso no hotel Palestina de Bagdad en 2003 a consecuencia da reforma que lles quitou aos tribunais españois a xurisdición para investigar delitos cometidos en época de guerra no estranxeiro. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que organiza cada ano o Premio José Couso en memoria do cámara ferrolán, solidarizouse entón coa familia e lamentou unha reforma que deixa indefensos aos xornalistas ou cooperantes en territorios onde se produzan conflitos armados. 

CPXG