Cristina Díaz Pardo e Rubén Rodríguez: "A pandemia dificulta unha información especializada cubrindo as fontes"
A pandemia ten un impacto económico de extraordinarias dimensións, e iso percíbeno ben no xornalismo especializado. Cristina Díaz Pardo e Rubén Rodríguez traballan desde 2012 en Economía Digital Galicia, un medio electrónico especializado en información económica. Díaz Pardo conta con experiencia na radio e na prensa, cunha etapa en comunicación institucional no Concello da Coruña, mentres que Rodríguez se dedicara con anterioridade á comunicación cultural. Tras case unha década no xornalismo económico, conversan con nós sobre ao fío da COVID-19, da transformación da profesión e do seu papel nun momento tan determinante como este.
–Como impacta a pandemia no xornalismo económico?
Rubén: É moi parecido á crise de 2008. Daquela repetíase continuamente o titular “a crise leva a tal empresa á creba”, ou “a tal empresa vaille ben a pesar da crise”. Agora é igual pero achacado á pandemia. Hai moito máis volume de información, pero moito máis aburrido porque sempre estás nas mesmas claves.
Cristina: Si, para un medio económico foi volver á crise de 2008, ata o punto de que agora non ves un titular en economía que non leve o termo ‘pandemia’. Para min, a pandemia acelerou crises que xa existían e que estaban adormecidas. En Galicia xa había unha crise industrial que sabiamos que se ía acrecentar: Alcoa, Alu Ibérica, tamén o naval; toda esa crise latente dispárase coa pandemia. Significou para os medios económicos moitísimo máis traballo, con titulares que non quereríamos dar.
–Cales percibistes que eran os aspectos que máis preocupaban?
Rubén: Preocupaba a saúde. A primeira necesidade foi ter algún tipo de certeza. Era máis interesante preguntar ás multinacionais, no noso caso Inditex, porque tiñan presenza na China, ou Calvo e Jealsa, con filiais en Italia, para saber algo máis. No primeiro estado de alarma, no que parou todo excepto as actividades esenciais, non houbo un cuestionamento forte, porque era como unha defensa común ante moitas incertezas. Despois, foron os ERTEs, as axudas europeas... Quizais o que máis preocupou era sobrevivir, tamén a nivel económico. Canto vai durar isto? Isto é unha pausa para continuar? Probablemente nos próximos anos teñamos noticias de colapso de moitas empresas, sobre todo nalgúns sectores nos que a pandemia acelerou un tempo de transformación económica, de mutación… O novo aínda non está e o vello aínda non sabemos como matalo. É o que pasa nas Pontes ou no aluminio, por exemplo.
Cristina: Hai dous momentos que están marcados pola propia precarización económica. Nun primeiro momento, o que preguntaban os traballadores era pola súa saúde. Hai un ano tiñamos problemas para que Galicia tivese máscaras, falta de EPIs... Andando a pandemia, e relacionado con esa sensación de cansazo, é cando caes na conta de que a pandemia está levando por diante non só moitas vidas, senón a nosa forma de vida, o noso futuro económico. Un dos sectores máis claro é o da hostalaría.