David Lombao: "Datos como os casos novos diarios non significan nada sen contexto"

David Lombao é xornalista e director de Praza.gal, medio dixital nado en 2012 que fixo da visualización de datos un dos seus sinais de identidade, como está demostrando na cobertura da pandemia. Antes de dirixir Praza, Lombao dedicouse á información política en Xornal de Galicia e traballou tamén en Radio Voz e na Cadena SER.

Cal pensas que debe ser o papel do xornalismo nunha pandemia?

Penso en primeiro lugar que debemos afastarnos do papel de pretendidos protagonistas. Tivemos esa tentación, como en case todos os fenómenos grandes, críticos. Todos aqueles debates das primeiras semanas sobre se había moitas ou poucas roldas de prensa, o formato das comparecencias e das preguntas dos xornalistas...

Nunha crise coma esta penso que temos que separar o gran da palla, explicar qué está pasando e poñer o foco no que afecta á xente, volvendo á esencia do que é este oficio, que é coller unha cantidade inmensa de información e de datos, tanto numéricos como textos legais, ordenalos e xerarquizalos. E non contribuír á cerimonia da confusión, evitando, por exemplo, vivir na última hora permanente, porque eses globiños vermellos coa última hora do número de casos novos ou de falecidos cada vez significan menos e non significan nada sen contexto. 

–Como está respondendo a este desafío o xornalismo galego?

Estase facendo moi bo traballo –tamén temos exemplos malos–, tanto en medios tradicionais como nos medios novos, con moita vontade por parte de xornalistas individuais e ás veces, non sempre, tamén das cabeceiras. Estamos demostrando a necesidade do xornalismo galego e iso é moi importante. Moitos xornalistas locais están facendo un bo traballo no ámbito máis próximo, xornalistas que nos días de opacidade absoluta ían chamando centro de saúde por centro de saúde para facer un mapa de como incidía o virus nun concello ou nunha comarca determinada. Un dos retos que temos é contrarrestar o feito de que haxa xente moi asustada por cousas que non lle afectan, e penso en todo o que ten que ver con Madrid, co Madrid político. Temos Isabel Díaz Ayuso ata na sopa e, con todos os meus respectos, iso é política autonómica, con certas repercusións estatais ás que deberemos atender. É difícil non escorar cara a aí porque o ruído é brutal e as cabeceiras de ámbito estatal están onde están, pero é responsabilidade nosa manter unha axenda propia, tanto para falar da evolución do virus como da situación política. O día que o Parlamento galego aprobaba por unanimidade a comisión de reconstrución para paliar os efectos da pandemia, había medios con sede en Galicia que contaban con todo luxo de detalles que houbera un cristo terrible no pleno municipal de Madrid. Tamén temos que reflexionar sobre iso. Non todo o que pasa en Madrid nos é propio.

–Na vosa cobertura da pandemia os datos teñen un papel moi destacado.

Levabamos bastante tempo apostando pola visualización de datos, en colaboración con DataWrapper, unha aplicación creada por un laboratorio de xornalismo en Alemaña, e cando empezou o estado de alarma decidimos poñer os esforzos aí. Como temos certa experiencia en como manexa a Xunta os datos, por exemplo nos incendios, xa desde o comezo decidimos inaugurar unha base de datos propia. Visto o visto, fixemos ben, porque durante seis meses non houbo unha base coa que comparar. 

–Que posibilidades ofrece o xornalismo de datos na cobertura da pandemia e que precaucións cómpre ter no uso de datos?

Un dato illado non significa nada. No momento actual, no que cada día temos xa unha cantidade importante de variables de como evoluciona o coronavirus en Galicia, creo que a palabra clave é contexto: que significa cada dato no transcurso dunha pandemia que xa dura sete meses e sobre todo en que restricións para a cidadanía se poden traducir. Falar de casos novos diarios cada vez ten menos significado se non o contextualizamos, porque se están facendo moitas máis probas, e podemos confundir. Temos unha materia prima que é moi útil pero que tamén pode ser moi perigosa. A todos nos chegan mensaxes de familiares e amigos con ligazóns nas que se di que o virus se dispara nunha determinada vila ou cidade. Que significa 'dispararse'? Depende. Agora mesmo estamos en máximos de casos novos ao día, pero é que no mes de marzo tiñamos máis dun 30% de probas positivas e agora estamos nun 9%. 

Trátase de aproveitar estas ferramentas que son moi útiles e que no ámbito do dixital nos permiten facer relatos moito máis completos do que está pasando, que a xente explore e poida incluso saber de onde sacamos os datos, tratalos e ver como está sendo a evolución. Practicamente todos os nosos gráficos son abertos para que a xente poida descargalos libremente, tamén por unha cuestión de transparencia e de coherencia editorial. Se nós lle reclamamos á Xunta que abra os seus datos parece lóxico que nós abramos os nosos.

"Non ten sentido que a Xunta informe en 2020 con notas de prensa co mesmo formato que nos gobernos de Fraga"

 

–Esa foi unha das vosas pelexas nos últimos meses, o acceso aos datos.

Durante os primeiros seis meses e medio estivemos nunha situación de opacidade practicamente total que era incomprensible. Non ten sentido no ano 2020 que un goberno que manexa información absolutamente completa e profesional a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, con profesionais excelentes, estivese informando aos medios a través de notas de prensa co mesmo formato que nos gobernos de Fraga.

Desde principios de outubro, por un proxecto que me consta que viña do equipo anterior da Consellería, accederon a algo básico, que era unha vergoña no contexto do estado: facilitar a serie histórica enteira, o que demostrou que a evolución da famosa curva non era como nola amosaran, pola simple razón de que os datos se reordenan día a día e porque os protocolos de datos nos primeiros días eran, como é comprensible, absolutamente caóticos. Iso é un avance, sen dúbida. Tamén amosan por fin os casos novos, que incomprensiblemente tiñamos que calcular a man cada día, e especifican cales son os diagnosticados mediante PCR; o resto son outros test, non nos din cales, pero é un avance.

–Que falta?

Faltan varias cousas, a primeira e fundamental, a Xunta non ofrece unha fonte de datos abertos. Pedímoslla por terra, mar e aire, informalmente e formalmente apelando á Lei de Transparencia e o resultado foi o mesmo: non a publican. Por que? A Xunta ten un portal de datos abertos que, a data de hoxe, inclúe cero conxuntos de datos sobre o coronavirus. Non ten sentido nin desde o punto de vista técnico nin desde o punto de vista político, porque é incomprensible que un dos territorios que mellor resistiu a primeira vaga da pandemia e que ata agora mellor está resistindo a segunda, non conte todo o que sabe.

E xunto con isto, a que segue sendo a gran eiva, a información a nivel local, municipal ou comarcal. Os mapas que amosa a Xunta, que son os que lle manda á FEGAMP, coido que serven fundamentalmente para confundir, porque mesturan indicadores diferentes, sumas de casos totais con incidencia acumulada. A Xunta segue apelando a que é para non estigmatizar a concellos pequenos... Hai solucións para non facelo, e aínda así, creo que chegados a este punto non ten sentido que non se trate a cidadanía como maior de idade.

Iso si, diría que o novo equipo da Consellería se explica moito mellor, non sei se é só polas habilidades comunicativas dos novos cargos ou responde a unha decisión política, pero chegamos ao absurdo de que os cargos da Consellería comenten con total naturalidade en rolda de prensa algún deses datos que despois non se publica: por exemplo, a incidencia acumulada nos últimos días no concello de Santiago. 

Isto non é unha crítica á primeira liña da fronte, ao gabinete de prensa, pero si que resulta esgotador, porque non somos inimigos, por moito que teñamos unha liña editorial crítica. Debemos poder colaborar á hora de transmitir a información á cidadanía, como di o propio conselleiro nas súas comparecencias moitas veces.

"Cubrir a pandemia non é só a vertente socio-sanitaria, deberiamos ter aprendido algo da anterior crise"

 

–Que outros dilemas se vos presentaron desde marzo ao elaborar as vosas informacións?

Seguimos debatendo sobre ata que punto hai que poñerlles cara ós números. Ás veces non facelo é incluso un mecanismo de autodefensa para manter o equilibrio. Eu nas primeiras semanas paseino bastante mal porque se unía a información coa tensión como cidadán. Agora, á volta deste verán tan estraño comentabamos entre os compañeiros que tiñamos medo de converternos no xornal do coronavirus, porque temos as mans que temos e había días nos que todos estabamos traballando en temas vinculados á Covid. Cubrir a pandemia non é só falar da vertente socio-sanitaria. Deberiamos ter aprendido algo da anterior crise, na que nos atropelaron as consecuencias en forma de desafiuzamentos, de paro, de precariedade laboral, de fenómenos que moitos medios non vimos vir ou atendimos daquela maneira. E tamén creo que debemos ter en conta que a cidadanía necesita contidos que acouguen, que tranquilicen, e aí tamén temos unha responsabilidade. Sen frivolizar o máis mínimo, porque isto é unha situación gravísima.

–Que pezas destacarías da vosa cobertura?

Calquera dos resumos de datos máis recentes, porque agora estamos sendo capaces de dar datos cada vez máis precisos, máis complexos tamén. Tamén recuperaría as reportaxes que fixo Miguel Pardo coas persoas que se dedican a facer o rastrexo de casos. Foi un traballo moi intenso, de moito tempo, con moito medo por parte dos traballadores e traballadoras que falaron, que o dubidaron moito polas circunstancias de inestabilidade laboral e o temor a represalias. Creo que son desas pezas ás que volveremos cando pase un tempo. Ademais das informacións nas que traballamos a transparencia, tanto ofrecendo datos como evidenciando as nosas xestións coa Xunta para conseguilos, tamén escollería pezas que seguramente non pasarán á historia do xornalismo, pero nas que conseguimos que a xente teña máis claro que é o que pode e non pode facer, como os mapas con ligazón ás restricións concello a concello. Sigo sen ter moi claro se iso é moi xornalístico, porque hai días que nos convertemos en procesadores do BOE e o DOG, pero se con esas pezas axudamos a que a xente comprenda mellor o que está pasando estaremos sendo útiles.

"É fundamental poder centrarse nun tema e seguilo. Se estás en precario é imposible contar isto ben."

 

–Recomenda algún recurso que poida servirnos para mellorar a información que facemos sobre a pandemia.

Na parte dos datos sen dúbida a ferramenta de Datawrapper, tanto para facer gráficos cos datos como para reutilizar os doutros compañeiros. É unha ferramenta que pode axudar moito no traballo e que entendeu moi ben que os medios poden cooperar e competir ao mesmo tempo. Ademais serve para que os que somos de letras e nos vimos empurrados a un mundo de números de maneira abrupta, contrastemos se os nosos cálculos están ben, porque outros compañeiros tamén os están facendo. 

Tamén utilizo moito os informes do instituto Carlos III e o seu panel, que si ten unha fonte de datos aberta. Non é exactamente igual que a da Xunta pero permite comparar e é útil, por exemplo, para ver datos por provincias, que a Xunta segue sen dar. 

Recomendo tamén ler os compañeiros de GCiencia, que explican as cousas moi ben, que nos dan pistas do mundo estritamente científico. Se algo nos está ensinando esta crise a nivel xornalístico é que non podemos facelo todo todo o tempo. Para contar algo ben non sei se hai que estar especializado, pero si é fundamental centrarse nun tema e seguilo. A folla de cálculo que nós abrimos ao principio agora é inmensa; se alguén ten que enfrontarse a ela sen ter un mínimo de contexto e práctica, sepúltao. A min custoume moito entender isto, moito. É un dos debates recorrentes deste oficio: se estás en precario, se tes que facer o do coronavirus e cinco temas máis, é imposible que contes isto ben. 

–A pandemia agrava as dificultades laborais e a situación económica dos medios. A demanda de información non sempre se traduce en novas subscricións. Como vedes o futuro con este panorama?

Nas primeiras semanas da pandemia a demanda de información era brutal, pero efectivamente iso non se traduce mecanicamente en novos socios e socias. No confinamento si notamos un incremento no ritmo de altas e tamén unha maior afluencia de socias mulleres. Houbo algunhas baixas, pero non moi significativas, estamos moi agradecidos aos socios que aguantan. A contraparte é que houbo anunciantes medianos e pequenos que tiveron que cancelar as súas campañas. É sabido, porque publicamos as nosas contas, que nós nos movemos nunha economía moi axustada desde o inicio. Neste ano perderemos algúns cartos e o 2021 preséntase complicado, pero esperamos que non crítico. Vémolo con preocupación, conscientes de que se isto dura moito, economicamente vai ser moito máis duro. Canto máis dependamos das socias e dos socios menos dependeremos deses vaivéns da publicidade, porque ademais seguimos vetados nas grandes campañas da Administración galega. Cando menos temos a vantaxe competitiva de que o teletraballo o levamos de serie. Antes eramos os bichos raros que traballaban desde a casa, agora somos os veteranos en determinadas rutinas laborais que outros compañeiros tiveron que incorporar a marchas forzadas.

BELÉN REGUEIRA