Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, empresas recoñecidas co Premio Manuel Beiras 2024
Os Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial, en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregáronse na tarde deste luns 2 de decembro, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O negocio de modas Ela Diz, a operadora de telecomunicacións Toxo Telecom e a empresa de restauración Chichalovers foron os premiados nesta XXV edición.
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron onte os premios da vixésimo quinta edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen o obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial e lembran a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García. O xurado dos Premios Manuel Beiras conta desde a súa creación no ano 2000 coa participación do Colexio de Xornalistas de Galicia, que estivo esta ano representado por Ainoha Apestegui Beriain, membro do pleno territorial pola demarcación de Santiago.
Entre as empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Ela Diz, da que o xurado valorou o “exemplo de integración e respecto á cultura de acollida” da súa propietaria, de fóra de Galicia, ademais da proxección que se fai “tanto da lingua como da tradición galega cara a un público tamén comprometido co pequeno comercio”. Na categoría de nova incorporación ao galego o galardón recaeu en Toxo Telecom polo “valor diferencial” co que utiliza a lingua esta operadora de telecomunicacións e a súa “comunicación en clave de humor e próxima á clientela”. Finalmente, o Premio Manuel Beiras á innovación no uso do galego recaeu en Chichalovers, que “pon en valor o territorio, o produto de proximidade e a nosa cultura cunha comunicación orixinal e desenfadada”, segundo a valoración do xurado.
Os galardóns foron entregados nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago, ao que asistiu Belén Regueira Leal, decana do Colexio de Xornalistas. O lema da edición deste ano foi "En galego. Empresa/comercio +intelixente".
CPXG