Elahe Mohammadi agradece nunha mensaxe o seu premio e dedícallo a Pablo González e a Wael al-Dahdouh
Elahe Mohammadi, gañadora xunto a Nilufar Hamedi do XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, enviou unha mensaxe á organización na que se mostra "realmente honrada e orgullosa" polo recoñecemento, e dedica o galardón a Pablo González, así como a Wael al-Dahdouh e a todos os xornalistas palestinos. Traslada tamén "á estimada familia Couso" as condolencias pola morte do camarógrafo ferrolán.
Elahe Mohammadi, premiada este ano co XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa xunto a Nilufar Hamedi, púxose en contacto co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, organizadores do galardón, malia á súa dificil situación en Irán. Nunha mensaxe, recibida con posterioridade á celebración da entrega do premio o pasado venres, a xornalista iraniana declara sentirse "realmente honrada e orgullosa de ter sido elixida" para recibir o galardón, ao tempo que expresa as súas condolencias por José Couso, "o valente xornalista español que hai vinte e un anos perdeu traxicamente a vida en Bagdad"
Mohammadi trasmite a súa vontade de dedicar o premio, no seu nome e como unha das galardoadas, ao finalista Pablo González, encarcerado en Polonia, asegurando que os seus pensamentos "están con el nestes momentos difíciles". Así mesmo, estende tamén o recoñecemeno "a Wael al-Dahdouh e a todos os xornalistas palestinos que fixeron grandes sacrificios para chamar a atención sobre a situación en Gaza".
Finalmente, a comunicadora expresa a súa esperanza "nun mundo onde os xornalistas poidan traballar con seguridade e liberdade, especialmente aqueles que informan con valentía sobre a opresión e se negan a ser silenciados" e solicita que se traslade tamén á súa mensaxe "á estimada familia de José Couso".
O premio internacional de liberdade de prensa, organizado polo Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol, cumpriu este ano a súa vixésima edición, a última na que levará o nome do camarógrafo ferrolán asasinado no Hotel Palestina.
CPXG