Elena Gallego, convidada especial para pechar a terceira edición de Xornalismo na Escola "la Caixa" este luns no IES Ferro Couselo de Ourense

Obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado no IES Ferro Couselo de Ourense o pasado 7 de maio

A escritora e xornalista Elena Gallego Abad, autora da exitosa serie Dragal, participará este luns 14 de maio ás 16:00 horas no obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" no IES Ferro Couselo de Ourense, que pon o peche á terceira edición da iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e da Obra Social "la Caixa". Nesta última xornada realizaranse tamén talleres no CPI A Picota de Mazaricos e o IES Auga da Laxe de Gondomar.

Xornalismo na Escola "la Caixa", o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, pecha este luns 14 de maio coa presenza da xornalista e escritora Elena Gallego Abad. A comunicadora, cunha especial relación coa mocidade a través da serie de novelas xuvenís Dragal, impartirá xunto a Xosé Lois Carrión González o obradoiro que se vai realizar entre as 16:00 e as 17:40 horas no IES Ferro Couselo de Ourense.

Ademais, nesta última xornada, Xornalismo na Escola "la Caixa" vai chegar tamén ao alumnado do CPI A Picota de Mazaricos, cun obradoiro entre as 16:05 e as 17:35 horas, impartido por Olalla Liñares García, e o IES Auga da Laxe de Gondomar, cun taller das 17:00 ás 18:40 horas a cargo de  Emilio Gómez Álvarez. Con eles rematan os 90 obradoiros que levaron desde febreiro o mundo do xornalismo a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade.

Elena Gallego Abad

Nacida en Teruel pero criada en Verín, María Elena Gallego Abad desempeñou de de 1987 a 1999 labores de locutora e redactora nas emisoras de Radio Ourense (Cadena Ser), Radio Minuto Santiago (Ondas Galicia), Radio Popular Ourense (Cadena Cope), Voz de Galicia Radio e Onda Cero Ourense (Uniprex). No período 1994-1996, colaborou como redactora e fotógrafa en distintas delegacións dos xornais La Voz de Galicia e La Región. En 1998 recibiu Premio Xosé Aurelio Carracedo de Xornalismo no apartado de "Medios Audiovisuais", pola produción e realización do programa A Fiestra, de Onda Cero Ourense. En 1999 incorporouse á plantilla de Faro de Vigo, desempeñando o labor de xornalista nas súas delegacións de Ourense, Pontevedra e Cangas do Morrazo ata 2013.

Estrease como escritora en 2010 coa novela Dragal, a herdanza do dragón, que inaugura a saga Dragal, formada por catro novelas de éxito internacional, algunhas delas traducidas ao castelán, o catalán e o inglés. Fora desta serie, ten publicadas tamén as novelas Sete caaveiras (2014) e O xogo de Babel (2017).  Ademais, é membro do Pleno Territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que chegaron a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que impartiron talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas trataron de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos trataron temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG