A entrega do XX Premio Couso convértese nunha reivindicación de Hamedi e Mohammadi
A cidade de Ferrol está a acoller esta tarde os actos de entrega do XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Concello de Ferrol, que este ano recaeu nas xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi. As premiadas teñen prohibido saír do país e mesmo contactar con organizacións do exterior, polo que no seu nome recollen o premio Alfonso Bauluz de Reporteiros Sen Fronteiras e Maribel Tellado de Amnistía Internacional.
Os actos de entrega a Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi do XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa teñen lugar hoxe en Ferrol sen poder contar coa presenza das xornalistas iranianas debido á situación á que se enfrontan no seu país. No seu lugar, na cerimonia do galardón, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Concello de Ferrol, participan o presidente de Reporteiros Sen Fronteiras en España Alfonso Bauluz e a Responsábel Adxunta do Departamento de Campañas para a Mobilización de Amnistía Internacional Maribel Tellado.
O programa de actos iniciouse ás 17:30 coa tradicional ofrenda floral nas ‘Ás Ceibes’ do Cantón de Molíns, onde a xornalista de La Opinión de A Coruña Marta Otero deu lectura ao manifesto "Merece a pena", elaborado por ela mesma con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa. No texto, Otero lembra que malia as ameazas e renuncias que significa o exercicio do xornalismo, este "merece a pena porque, dende a humildade, o noso labor é hoxe máis que necesario, urxente", ademais de facer unha reivindicación das novas fornadas de xornalistas ao salientar que "o futuro empeza en cada nova promoción".
A continuación realizouse no primeiro piso do Teatro Jofre a recepción do premiado por parte do alcalde, José Manuel Rey Varela, e o resto da corporación municipal. Os representantes de Amnistía Internacional e Reporteiros Sen Fronteiras asinaron no libro de honra da cidade, onde Bauluz escribiu que 21 anos antes acompañou a José Couso "na súa derradeira viaxe" e que agora é "un pracer estar aquí e lembralo". Tellado pola súa banda, salientou na súa sinatura que este premio "dignifica non só o labor xornalístico, senón tamén a defensa dos dereitos humanos que fan tantos e tantas profesionais dos medios.
Ás 19:00 deu comezo no Teatro Jofre a cerimonia de entrega do premio, que estará presentada pola comunicadora da Cadena Cope Ada Romero. En primeiro lugar, celebrarase un coloquio entre Alfonso Bauluz e Maribel Tellado, moderado pola xornalista do Diario de Ferrol Verónica Vázquez Cabeza. Unha vez rematado, Germán Castro, fundador do Diario de Ferrol, lerá un manifesto no nome da organización que reivindica "o exercicio dun xornalismo incómodo" e expresa a solidariedade "con aqueles profesionais que expoñen as súas vidas". Tras a proxección dun vídeo sobre o vixésimo aniversario do galardón e as premiadas deste ano, Bauluz e Tellado, no nome de Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, recibirán de mans da presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, e do decano en funcións do CPXG, Francisco X. González Sarria, o XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O acto vai rematar cunha actuación musical a cargo de Fausto Escrigas e Cabe García.
As premiadas
Nilufar Hamedi (Babol, 1992) é unha xornalista do diario reformista iraniano Shargh. O 16 de setembro de 2022, conseguiu acceder ao Hospital Kasra de Teherán, onde se encontraba en coma a moza de 22 anos Mahsa Amini, logo de ser detida pola policía da moral por levar supostamente o veo de maneira "inadecuada". A foto que Hamedi sacou dos pais de Amini abrazados no hospital fixose viral durante as protestas que sucederon á morte da moza. Pola súa banda, Elaheh Mohammadi (Teherán, 1986) é reporteira de sociedade e temas femininos no xornal Ham-Mihan. En setembro de 2022, trasladouse a Saqqez para cubrir o funeral de Mahsa Amini e informou sobre o ataque da policía durante as honras fúnebres.
A finais de setembro dese ano, ambas as dúas foron detidas no contexto dos disturbios que sacudían o país. A Elaheh Mohammadi aplicóuselle unha pena total de doce anos: seis por colaboración con Estados Unidos, cinco por conspiración contra a seguridade nacional e un por propaganda contra a República Islámica. Pola súa banda, Nilufar Hamedi foi condenada a trece anos: un máis que a súa compañeira por colaborar cos Estados Unidos, e a mesma sentenza polos outros dos delitos. As dúas foron encarceradas na prisión de Evin, coñecida por acoller a meirande parte de disidentes iranianos en prisión.
O pasado 14 de xaneiro, tras numerosas protestas, foron postas en liberdade baixo fianza logo de pasar entre reixas 15 meses, pero coa prohibición de deixar o país ou exercer a profesión. Ao día seguinte da súa liberación, foron denunciadas por non levar o veo.
Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi súmanse así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal-Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020), Manuel Rico (2021), Érika Reija (2022) e Marcos Méndez (2023) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia