Érika Reija, gañadora do XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Foto: Iván Makarov

Érika Reija, xornalista luguesa da Televisión Española, que abandonou este ano a correspondencia de Moscova tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico, é a gañadora da XVIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que a gañadora da XVIII edición é Érika Reija, logo de se celebrar o reconto de votos avalado polo notario Héctor Pardo, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. A candidatura de Érika Reija resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado. Como cada ano, a gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. 

A organización do premio salientou que as catro candidaturas eran merecedoras do galardón, e destacou que a elección de Érika Reija como gañadora recoñece o labor dos medios públicos e a especial relevancia que os medios de comunicación cobran nunha situación de guerra como a de Ucraína. Nun conflito como este, as e os xornalistas seguen a arriscar a liberdade e mesmo a vida para trasladar a información á sociedade, unha situación de especial risco para os e as freelance, que suman aos perigos xerais o de non teren a cobertura directa de ningún medio. Neste sentido, desde o Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol quíxose facer unha mención especial á situación de Pablo González, solicitando ás autoridades "que realicen todas as xestións oportunas para que o xornalista poida recuperar a súa liberdade o antes posible". Nos próximos días, o Colexio de Xornalistas anunciará polas canles habituais cando se vai realizar a entrega do premio. 

A premiada

Érika Reija López, nada en Lugo, é licenciada en Xornalismo por la Universidad Complutense de Madrid e en Ciencias Políticas por la Universidade Nacional de Educación a Distancia. Especializada no mundo árabe, en 2004 entra a traballar en Televisión Española, como xornalista do equipo da Sección Internacional dos Telediarios. Foi enviada especial a diversos destinos, desde onde informó sobre a revolución da praza Tahrir en 2011 en Exipto, a caída de Gadafi en Libia ou o conflito entre Israel e Palestina pola Faixa de Gaza.​ Cubriu tamén o rescate dos mineiros chilenos de 2010 na mina San José.

No ano 2015 é nomeada correspondente de Televisión Española en Rabat e durante dous años cubre a información de Marrocos para a canle pública. En 2017 é enviada a Moscova para ocupar a correspondencia da capital rusa, desde onde se cubre para a televisión pública a información sobre Europa Oriental. A zona non era descoñecida para ella, que xa en 2014 fora enviada especial durante a anexión rusa de Crimea. Desde Moscova cubriu acontecimentos como a pandemia da covid-19, os recortes de liberdades, o efecto do cambio climático no permafrost siberiano ou a invasión de Ucraína.

O 5 de marzo deste año, abandonaba Rusia tras a aprobación dunha nova lei que prevé sancións de até 15 años de cadea pola difusión de noticias que o goberno ruso considere como falsas. Radiotelevisión Española sumábase así a numerosos medios internacionais que decidiran saír del país como medida de protección para os seus xornalistas ante a posíbel criminalización do seu traballo. 

Reija foi galardoada co premio Entre Mulleres, outorgado polo Concello de Lugo, e co​ Premio Internacional de Xornalsmo á Mellor correspondende española 2018, polo Club Internacional de Prensa e a Asociación de Corresponsales de Prensa Extranjera.

Érika Reija súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020) e Manuel Rico (2021) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia 

Web do Premio Couso