Érika Reija: "O principal reto é aportar máis información útil e relevante para a vida dos cidadáns e menos voz a opinadores"

Foto: Iván Makarov

Do barrio lugués de Recatelo a enviada especial e correspondente de TVE polo mundo adiante. O último destino de Érika Reija é Moscova, onde chegou para informar hai catro anos, procedente da correspondencia de Marrocos. Exipto, Libia, Tunisia, Israel ou Ucraína son outros lugares nos que traballou a xornalista, politóloga e experta en mundo árabe. Conversamos con ela sobre a pandemia, sobre a muller, sobre os conflitos armados ou sobre calquer tema que se nos poña por diante.

–Estamos case en vésperas do Día Internacional da Muller. Ti coñeces de preto lugares onde os dereitos se respectan pouco ou nada. Evolucionamos algo? 

Sen dúbida. Aínda nos países máis opresivos para as mulleres existen a día de hoxe máis movementos femininos ca nunca opoñendo resistencia e loitando polos seus dereitos. En 2019, por exemplo, estiven en Irán contando como, ante as presións, o réxime dos aiatolás permitiu por primeira vez que as mulleres puideran ir aos estadios de fútbol. Incluso en Arabia Saudita conseguiron finalmente poder conducir. Poden parecernos cousas moi básicas, pero nestes lugares son pasos moi significativos que animan ás mulleres a seguir reivindicando. Coido que se a día de hoxe vemos máis noticias de crimes machistas, violacións e outros abusos contra as mulleres non é porque vaiamos a peor, senón porque agora fálase diso e antes non tanto. Existe moita máis concienciación. 

–Do mundo que ti percorreches, onde vive peor a muller? Cal é a primeira lembranza que che vén á cabeza e que pegada deixa en ti?

Impresionoume a primeira vez que vin a unha muller con burka en Afganistán. Non é o mesmo velo por televisión que cando a tes diante, no seu contexto, e te dás conta de que pertencedes a dous universos diferentes. Lembro que me fixei nos seus pés, a única parte do seu corpo sen tapar. E de que os tiña especialmente bonitos, coidados, cunhas chamativas sandalias de cores. Pensei que, incluso nesa pequena físgoa de liberdade, en forma de pel ao descuberto, asomaban as súas ganas de amosar algo dela ao mundo. Pensei tamén que as que si temos voz non podemos esquecernos delas. 

–No traballo que desenvolves, ser muller púxoche atrancos no camiño?

En xeral, prefiro ver os atrancos coma retos dos que aprender. O camiño nunca é doado, pero atopeime de todo. Dende algún xefe que che di que non queda tranquilo enviando a unha muller a unha zona de conflito, a outros que cren que unha mirada feminina aporta un valor engadido. A sección de información internacional era ata hai pouco máis cousa de homes. Para que vos fagades unha idea, en toda a historia dos Telediarios, só houbo dúas mulleres xefas desta sección. Unha delas, a día de hoxe. Así que de novo, si, avanzamos.

"A formación é a base de todo e debería ser universal e obrigatoria para todas as nenas e nenos"

 

–O que é nacer nun territorio ou noutro. Hai nenas que non poden ir á escola e outras que acaban sendo correspondentes de televisión. Como o ves?

A formación é a base de todo e debería ser universal e obrigatoria para todas as nenas e nenos. Pero non esquezamos que non é unha conquista de hai tanto tempo tampouco en España. Sen ir máis lonxe, miña avoa materna, que viviu toda a súa vida nunha aldea de Lugo, non sabía ler nin escribir. Os seus fillos emigraron a distintos países para se buscaren a vida, cunha man diante e outra detrás. Tamén miña nai, que traballou dende moi noviña en Suíza. Eu pertenzo á primeira xeración da miña familia que puido ir á universidade, sempre con bolsas. Así que creo que na vida, con esforzo, sempre se pode chegar lonxe. 

–Estamos afeitos a ver, a e contar, desastres que suceden a quilometros de distancia. Agora temos diante de nós un que nos toca moi de preto, que entra nas nosas casas e que se chama pandemia (por certo, como se di pandemia en ruso?). Pensaches que o viras todo?

Pois mira, curiosamente é das poucas palabras que se di igual, anque acentuado na i, soa como pandemía, porque é un termo importado (a escrita deixámola para a próxima ocasión). E non, se algo aprendín nesta profesión é que a vida sempre te sorprende e a historia nunca é previsible. Imaxina que unha das miñas primeiras viaxes internacionais coa tele foi a Libia en 2009, cando Gadafi fixo unha gran festa para celebrar os seus 40 anos no poder. Quen me ía dicir que só dous anos despois ía volver ao país para cubrir a guerra que o acabou derrocando! E o mesmo che digo de Tunisia e de Exipto, por onde andei de viaxe antes de cubrir as revolucións árabes porque xa me atraía e interesaba moito o mundo islámico. Á xente aterrorizáballe falar de política ou expresar calquera crítica contraria ao goberno, porque a represión era brutal. Ninguén alí, nin ningún experto internacional, predixo antes de 2011 a ondada de levantamentos populares que se aveciñaba. Así que teño ben claro que o máis inesperado nos pode suceder en calquer momento.  

"No mundo de hoxe, cada vez é máis difícil ocultar a información"

 

–Rusia é o teu destino actual. Como leva o país a pandemia?

Aquí existe moita menos concienciación sobre o coronavirus ca en España. Nin o confinamento nin as restricións foron tan estritas coma aí. Moita xente non leva máscara nin cando é obrigatorio, coma no metro ou no autobús. É máis, a veces estráñanse de que a leves ti e pregúntanche se estás enferma. As autoridades sempre contaron que a situación está baixo control e non se amosou a cara máis dramática da enfermidade. Expertos cos que falamos en TVE aseguran que as cifras reais poden ser 5 ou 6 veces superiores ás estatísticas oficiais. 

–Para informar sobre a covid, con que principais problemas tropezas? 

Sobre todo, esa falta de credibilidade das estatísticas oficiais. Tamén é moi difícil poder gravar, por exemplo, en hospitais. Hai que tramitar infinidade de permisos e cando chos dan é para amosar algo que dea boa imaxe e lles interese ensinar. A realidade acábala coñecendo moitas veces polas redes sociais, onde a xente denuncia e conta o que ocorre. No mundo de hoxe, cada vez é máis difícil ocultar a información. Pero o Kremlin ten ao seu favor a todas as grandes televisións do país para daren a versión dos feitos que máis lle convén. 

–Como andades de liberdades os xornalistas nesa parte do mundo?

A falta de liberdade de prensa súfrena sobre todo os xornalistas rusos. Case non hai medios independentes, só algúns en internet aos que tamén tentan asfixiar economicamente poñendo todo tipo de trabas para se financiaren. Sen esquecer, claro, os casos de xornalistas asasinados, coma a soada Anna Politkovskaya. Ou os doutros aos que meten no cárcere con casos fabricados, coma o de Ivan Golunov, bastante recente, no que o Ministerio do Interior acabou recoñecendo que foi a propia policía a que lle meteu na súa casa e na súa mochila grandes cantidades de droga para encadealo. Os casos de expulsións de xornalistas estranxeiros son raros, anque agora coa pandemia si temos obstáculos engadidos. Coma depender dun permiso especial, ademais do visado habitual, para entrar e sair do país, o que implica que teñen moi fácil adiar ou impedir a túa entrada no país se non lles gusta o que publicas. 

"Hai casos de xornalistas asasinados, coma Anna Politkovskaya. Ou outros aos que meten no cárcere con casos fabricados coma Ivan Golunov"

 

–E de seguridade? Traballades con garantías? Refírome á pandemia e tamén á non pandemia.

As básicas. Poñemos a máscara, por suposto, e tentamos manter as distancias nas entrevistas e gravacións. Anque, como che digo, non é doado porque aquí a xente non respecta moito as medidas anti covid. Se falamos de conflitos armados, temos dispoñibles cascos e chalecos antibalas anque bastante anticuados. Son tan pesados que a veces resulta pouco operativo levalos de viaxe e ir tan cargado, xunto a todo o material técnico que precisamos.

–Por informar sobre o coronavirus, desatendemos outros temas importantes?

Debe haber tempo para todo. Do meu traballo do último ano, quédome con dúas reportaxes que fixemos para Informe Semanal e que tiveron moi boa acollida entre o público. Un, sobre as mortes de médicos rusos pola covid, silenciados aquí polas autoridades, “A lista rusa”. O outro, sobre un tema moito máis descoñecido: o derretemento do permafrost ou chan xeado de Siberia e do Ártico polo quencemento global. Aínda me chegan mensaxes por twitter de persoas que comparten as reportaxes e agradecen que abordaramos estes temas. Non hai nada máis gratificante ca eso coma xornalista. 

–Cal é o principal reto do xornalismo nun momento coma este que vivimos?

Hoxe en día hai tal avalancha de información e tamén tanta crispación ideolóxica que creo que o principal reto do xornalismo é saber distinguir o importante do superfluo. Aportar máis información útil e relevante para a vida dos cidadáns e menos voz a opinadores dun e outro bando que a veces teñen máis ideoloxía que coñecemento real sobre os temas dos que falan. 

"Se falamos de conflitos armados, temos dispoñibles cascos e chalecos antibalas anque bastante anticuados"

 

–O que non se ve, non existe? Traballas en zonas de conflito, moitas veces armado. Ese conflito, existe para o mundo cando chegan as teles e desaparece cando marchan? Como se dixire unha cousa así?

Cada vez custa máis dixerilo. Agora que se cumpren dez anos da guerra de Libia, lémbrome moito de todos eses mozos mutilados aos que entrevistei nos hospitais. Entón, crían que loitaban por unha causa xusta, derrocar ao ditador. Pregúntome que pensarán agora, cando o país segue sumido no caos e parece que a ninguén lle importa xa, mentres eles arrastran secuelas de por vida. Ou máis recentemente, as protestas contra Lukashenko en Belarús do pasado verán. Moita xente segue no cárcere ou no exilio. As súas historias xa rara vez atopan oco nos principais informativos. Afortunadamente, en RTVE si existen espazos para falar destes temas, anque non sexan os programas máis vistos. Para min é unha das grandes vantaxes e contribucións da radio e a televisión pública e o motivo polo que me sinto máis orgullosa de traballar para este medio. 

–Como sobrevives ao inverno ruso? Igual o de Lugo non serve de moita práctica...

Sempre bromeo con que aquí temos moita experiencia en confinamento, porque nos longos meses de inverno, cando estamos a menos 20 graos e é case sempre de noite, xa de por si apetece moi pouco sair, agás por motivos de traballo e necesidade. Antes, cando se podía viaxar, era máis levadeiro porque tiñas a opción de facer algunha escapada fóra e iso a nivel mental axuda a levalo mellor. Agora, co peche de fronteiras, estamos atrapados no frío. Como di un compañeiro xornalista, é o máis semellante a revivir, anque por outros motivos, “a sensación de illamento co mundo que había na antiga URSS”. 

–Neses lugares lonxanos do mundo, cando che vén Lugo á cabeza, onde te leva o pensamento?

Á familia, por suposto. E a unha caña da nosa cervexa galega coa súa tapa en calquera bar.

MATILDE VÁZQUEZ