Este luns 7 celébrase a xornada 'O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades' na Facultade de Comunicación da USC

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza a partir das 9:00 deste luns 7 de abril a xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. O encontro, que contará con expertos en IA como Ramón Salaverría ou Patricia Ventura, conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade e do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia. Aínda está aberta a inscrición gratuíta para a xornada, que se poderá seguir tamén por streaming. 

A irrupción da intelixencia artificial (IA) está a revolucionar nos últimos tempos a práctica do xornalismo. Se ben presenta grandes potencialidades como ferramenta para automatizar tarefas repetitivas ou analizar datos a grande escala, o seu uso na profesión ten suscitado numerosas dubidas éticas e legais. Para afrontar este novo paradigma desde a información e a reflexión, o Colexio de Xornalistas organiza esta xornada na que quere ponderar cales son as posibilidades reais e o uso que se está a facer realmente desta tecnoloxía na nosa contorna, así como os desafíos que representa. 

A xornada vai dar comezo ás 9.00 horas do luns coa presentación oficial, tras a que Verónica Bolón e Alba Meijide debaterán sobre O momento IA: Como chegamos aquí e cara onde imos. Ás 10:30 Patricia Ventura impartirá a conferencia IA e periodismo: principios éticos para unha adopción responsable e, logo dunha pausa, retomarase a actividade ás 12:00 coa mesa de debate Os medios ante o reto da IA desde a perspectiva galega, con Alba Chao, Marcus Fernández, Raúl Romar García e Xabier Rolán. O peche da xornada correrá a cargo de Ramón Salaverría, que vai disertar sobre A IA no xornalismo actual

A xornada poderá seguirse en directo a través deste enlace. O programa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sobre a intelixencia artificial na comunicación vai completarse ademais cunha serie webinars formativos sobre a materia, dos que se informará proximamente polas canles habituais. 

A asistencia á xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades é libre e gratuíta, pero a efectos de organización é necesario inscribirse enviando o nome completo, DNI e número de teléfono ao correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal. As persoas inscritas poderán solicitar un certificado de asistencia.

CPXG