Mañá martes remata o prazo para inscribirse na xornada gratuíta de formación en alfabetización mediática

Mañá, martes 27, é o último día para inscribirse na nova xornada de formación, gratuíta para todas as persoas colexiadas, que terá lugar o sábado 31 de xaneiro entre as 9.30 e as 15.00 horas no edificio Cersia de Santiago de Compostela. A formación esta destinada a formar os equipos do Colexio de Xornalistas para impartir de maneira remunerada obradoiros de alfabetización mediática e está pensada tanto para as persoas que queiran pasar a formar parte da bolsa de traballo de formadoras e formadores como para aquelas que xa recibiron a formación inicial. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o sábado 31 de xaneiro, entre as 9.30 e as 15.00 horas, no edificio Cersia de Santiago de Compostela (Alcalde Raimundo López Pol, s/n), unha nova xornada de formación aberta e gratuíta dirixida a colexiados e colexiadas interesadas nos proxectos de alfabetización mediática que pon en marcha. As persoas participantes pasarán a formar parte, se así o quixeren, dunha bolsa de traballo do Colexio para impartir talleres sobre desinformación en galego, de maneira remunerada. Neste ano xa se está a traballar no desenvolvemento de obradoiros nas provincias da Coruña e Lugo, tanto para público escolar como para poboación adulta. O prazo para inscribirse, a través deste formulario, remata o martes 27.

Nesta ocasión, a formación estará enfocada, ademais de a tratar os fundamentos básicos do fenómeno da desinformación e a alfabetización mediática, a fornecer de exemplos prácticos, dinámicas, materiais e ferramentas pedagóxicas para tratar estes temas dunha mellor maneira en calquera faixa de idade. Entre algúns dos temas a tratar, encóntranse a desinformación en plataformas dixitais ou redes sociais, as estratexias para fomentar o pensamento crítico ou os retos que presenta a chegada da intelixencia artificial ás aulas. 

O curso estará impartido por Vivian Rangel, xornalista especializada en alfabetización mediática. Tras comezar a súa carreira cubrindo temáticas de tecnoloxía, gastronomía e literatura no Jornal do Brasil, trasladouse a Europa onde realizou o mestrado en Xornalismo e Comunicación Dixital: Datos e Novas Narrativas da Universitat Oberta de Catalunya, especializándose en Alfabetización Mediática. Foi profesora de literatura e cultura na Universidade de Santiago de Compostela durante case cinco anos e actualmente loita contra a desinformación desenvolvendo estratexias educativas para fortalecer o pensamento crítico e a alfabetización mediática en Maldita Educa.

CPXG