Este mércores é o último día para inscribirse no webinar con Elena López sobre o tratamento dos casos relacionados con menores

Ata este mércores, 31 de maio, está aberto o prazo para apuntarse ao webinar A información relativa a menores no Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia​, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por Elena López Fernández, que se realizará o sábado 3 de xuño, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online. 

O obxectivo deste webinar é centrarse no tratamento que dende o gabinete da Fiscalía Superior de Galicia se fai dos asuntos relacionados con menores, detallando as peculiaridades desta especialidade: cal é o motivo dese tratamento tan diferenciado dos asuntos de adultos, que tipo de nenos chegan á "Fiscalía de Menores", como e porqué. Un exemplo específico é o dos xuízos a porta pechada, habituais nesta especialidade, dos que se explicará por que os solicita a fiscalía e que información se pode dar nos medios nestes casos. Ofreceránse exemplos de asuntos reais e aclararanse cuestións xerais, como que é a Fiscalía, cal é o papel do ministerio fiscal no procedemento xudicial, como é o traballo do Gabinete e cales son as dinámicas semanais vinculadas a este labor. Todo isto tendo como base a ferramenta do Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia, en vigor desde o ano pasado.

O webinar estará impartido por Elena López Fernández, xefa de Comunicación e Protocolo da Fiscalía Superior de Galicia desde 2021. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña e mestrada en Xornalismo pola Escuela Superior de Imagen y Sonido IEPA-CES de Madrid, ademais de licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña, Elena López leva vinte años traballando como xornalista en diversos medios de radio (Cadena Ser), televisión (TVG, Localia TV, Tele Coruña) e prensa escrita (El Ideal Gallego, como redactora xefa de local, e Axencia EFE). Actualmente asesora ao Fiscal Superior de Galicia en materia comunicativa e de medios, xestionando as áreas propias de comunicación interna e externa, notas de prensa, diseño de estratexias comunicativas, planificación de eventos e community manager, así como son o nexo de enlace entre os xornalistas e o cadro de fiscais de Galicia. Actualizou o Protocolo de Comunicación e puxo en marcha a conta de Twitter da da Fiscalía Superior de Galicia, que se converteu así na primeira fiscalía autonómica de España en ter este canle de comunicación.

O curso realizarase a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do mércores, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG