Este venres ás 19:00, o CPXG e a Deputación achegan á poboación de Lugo ferramentas e estratexias contra a desinformación
O Pazo de San Marcos de Lugo acolle este venres 5 ás 19:00 o primeiro dos obradoiros contra a desinformación na provincia de Lugo, dentro do programa organizado polo Colexio de Xornalistas coa subvención da Deputación de Lugo. A actividade gratuíta, dirixida ao público adulto e impartida por Pilar Rodríguez Losada, fornecerá de ferramentas para distinguir o xornalismo de calidade e combater as noticias falsas e xa ten aberta a inscrición online.
Este venres 5 de xuño vai realizarse, a partir das 19:00 horas, o primeiro obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática que vai desenvolver o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa subvención da Deputación Provincial de Lugo, nunha vintena de localidades de toda a provincia. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información, vai ter lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos de Lugo (Rúa San Marcos, s/n).
O obradoiro estará impartido por Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
A asistencia ao obradoiro é libre e gratuíta, pero debido á capacidade limitada da sala é necesario inscribirse previamente a través do formulario online.
Obradoiros contra a desinformación
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.
CPXG