Excel aplicado ao xornalismo e comunicación ambiental, os novos webinars organizados polo CPXG
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia anuncia a súa oferta formativa para os meses de primavera, que consta dos webinars Excel para xornalistas: aprende a interrogar follas de cálculo para atopar historias, impartido por Miguel Rodríguez Fernández (27 de abril) e Como comunicar cambio climático con éxito, por María García de la Fuente (25 de maio). Os cursos realizaranse en sábado, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online do CPXG, e pode asistirse a eles tamén de maneira diferida. A inscrición está xa aberta e remata o xoves 25 de abril para o primeiro dos webinars, e o 23 de maio para o segundo.
O sábado 27 de abril terá lugar o curso Excel para xornalistas: aprende a interrogar follas de cálculo para atopar historias, unha introducción a este programa para xornalistas interesados en mellorar as súas competencias na análise de datos. A finalidade do curso é dar un coñecemento básico da lóxica de Excel e das aplicacións máis útiles para o traballo xornalístico, desde simples cálculos de medias ou variacións porcentuais até a fusión de dúas follas cálculo, a limpeza de táboas de datos ou o manexo de táboas dinámicas. O webinar vai impartilo Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff. Tras unha carreira en distintos medios galegos e estatais, traballou como xornalista de datos na Press Association e desde 2019 é Editor de Datos en ICIS, publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos.
Pola súa banda, Como comunicar cambio climático con éxito analiza todas as mudanzas que se produciron na comunicación ambiental e do cambio climático ao longo dos últimos anos e cales son agora as claves do éxito deste tipo de informacións. Ademais, veranse exemplos de boas prácticas a seguir, afondarase nas temáticas ambientais e coñeceranse as principais fontes informativas do xornalismo ambiental. A formación está a cargo de María García de la Fuente, licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid. Exerce o xornalismo ambiental desde hai 25 anos, primeiro en Europa Press e despois de oito anos, como parte do equipo fundacional de Público, na sección de Ciencias. Traballou tamén no Gabinete de prensa do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e actualmente é a presidenta da Asociación de Periodistas de Información Ambiental.
Como inscribirse nos webinars
Os cursos realizaranse a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do xoves 25 de abril no caso do primeiro curso, e do xoves 23 de maio no do segundo, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG