Francisco G. Sarria recolle o XXXV Premio Carracedo en Ourense

Francisco G. Sarria recolle o XXXV Premio Xosé Aurelio Carracedo

O XXXV Premio Carracedo á traxectoria profesional, convocado pola Deputación de Ourense, foi entregado esta mañá en Ourense a Francisco G. Sarria. O exdecano e actual vicedecano terceiro do Colexio de Xornalistas reivindicou no seu discurso o periodismo de proximidade nun momento de crise das redaccións locais. No acto tamén recibiu o premio ao mellor traballo xornalístico Diego Freire Fernández, así como Xosé Lois Colmenero un accésit ao segundo mellor traballo. 

O exdecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e actual vicedecano terceiro Francisco G. Sarria recibiu esta mañá de mans do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, o XXXV Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, que lle foi concedido pola súa traxectoria profesional de máis de corenta anos “cun enfoque centrado en Ourense e co emprego da lingua galega como ferramenta comunicativa e nexo cultural”.

Sarria, que xa recibira este galardón en tres ocasións anteriores por diferentes traballos, agradeceu o recoñecemento por "sentirme querido polos compañeiros da profesión" e lembrou o xornalista que dá nome ao premio, a quen coñeceu no comezo da súa carreira profesional, como un informador "honesto, traballador e moi querido por todos". O ex decano do CPXG reivindicou tamén o xornalismo de proximidade nun momento no que "as redaccións locais están cada vez máis abandonadas" e agradeceu a Onda Cero permitirlle desenvolver o seu labor en liberdade e con honestidade, algo que desexou que tamén poidan facer as novas xeracións.

No mesmo acto, recibiu o premiou ao mellor traballo xornalístico Diego Freire Fernández, do dixital Noticias Dispersas, polo documental “Quen contamina a Limia”, un traballo de investigación e produción que, segundo o xurado, “inclúe todas as perspectivas, nun labor ben estruturado, sinxelo de seguir, con datos de fácil comprensión, e cun transfondo moi interesante por se tratar dun asunto de interese para a sociedade”. Foi entregado tamén un accésit ao segundo mellor traballo a Xosé Lois Colmenero, do dixital Diario do Támega, por "Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado".

CPXG