Gaza continúa a ser o territorio máis perigoso para a profesión, con case a metade das mortes de xornalistas no 2025

Mapa das e dos xornalistas asasinados no 2025 segundo a FIP

Como cada ano por estas datas, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) e Reporteiros sen Fronteiras (RSF) publicaron os seus balances sobre asasinatos e encarceramento de xornalistas no 2025. Con criterios lixeiramente distintos, RSF recolle o asasinato de 67 profesionais dos medios (3 deles mulleres) no que vai de ano, mentres que o relatorio FIP documenta un total de 111 xornalistas asasinados (7 mulleres); mais ambas as dúas organizacións apuntan a Gaza como o territorio máis perigoso para a profesión ao exército israelí como responsábel de case a metade das mortes: un 46% segundo a FIP, un 43% de acordo cos datos de RSF. Os dous informes destacan así mesmo un aumento dos asasinatos de xornalistas e encadráno nun clima crecente de restrición do dereito a información.

Para a Federación Internacional de Xornalistas, a rexión de Oriente Medio volve ser, por terceiro ano consecutivo, a máis mortífera para as e os xornalistas, posto que tras Palestina con 59 mortes, o segundo país con máis profesionais asasinados é Iemen, con 13. Seguen na lista Ucraína con 8, Sudán con 6, India con 4 e outros países, como Filipinas, México, Pakistán ou Perú, con tres comunicadores asasinados cada un. A organización salienta tamén a suba do perigo para a profesión en Europa, posto que aos xornalistas mortos na guerra de Ucraína se suman un en Rusia e outro en Turquía, e lembran que só outras dúas veces nos últimos dez anos se rexistraron tantos comunicadores mortos no continente: "a primeira foi en 2015 co masacre da revista satírica Charlie Hebdo en París e a segunda en 2022 tras a invasión rusa de Ucraína". A FIP alerta tamén da ao uso de drons para atacar directamente a xornalistas e os seus vehículos, como no caso dos ucraínos Olena Hramova, Yevhen Karmazin e Tetyana Kulyk.

En canto á clasificación de Reporteiros Sen Fronteiras, coloca na segunda posición de xornalistas asasinados, tras Palestina con 29 mortes, a México, e responsabiliza ao crime organizado dos 9 asasinatos producidos nese país, advertindo dun aumento do perigo para informar en América Latina, que segundo os seus datos concentraría o 24% das mortes de comunicadores. Tras México sitúanse tamén como especialmente perigosos Sudán (con 4 mortes) e Ucraína (con 3). RSF destaca ademais o feito de que "só dous dos xornalistas asasinados son estranxeiros": o fotoxornalista francés Antoni Lallican, morto por un ataque con drons rusos en Ucraína, e o salvadoreño Javier Hércules, asasinado en Honduras, onde residía; mentres que "todos os demais foron asasinados mentres realizaban coberturas no solo do seu país".

RSF publicou tamén o número de xornalistas encarcerados, secuestrados e desaparecidos. O balance recolle un total de 503 comunicadores presos, con China, un ano máis, como o maior cárcere de xornalistas do planeta (con 121 prisioneiros), seguido de Rusia (48 en total, 26 deles ucraínos, o que fai deste o pais con máis xornalistas estranxeiros detidos) e Myanmar (47). Unha vintena de informadores atópanse actualmente secuestrados no Iemen (9, todos eles polos rebeldes hutís), Siria (8), Malí (2) e México (1), mentres que 135 xornalistas seguen desaparecidos. A organización destaca que "un ano despois da caída de Bashar al Asad, non se teñen noticias de moitos dos xornalistas detidos ou secuestrados durante o seu réxime, o que converte a Siria no país co maior número de profesionais dos medios desaparecidos no mundo, máis dun 25% do total.

CPXG