Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro, gañadoras do III Premio 'Somos esenciais'

Gemma Malvido Otero e Vanessa Casteleiro Martinez son as gañadoras do III Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, polas reportaxes "Una tarde en Teixeiro: «¿Se porta bien?»", "Con ganas de salir adelante" e "Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle", publicadas en La Opinión A Coruña. O xurado concedeu tamén unha mención de honra a María de La Huerta, do mesmo xornal, polo traballo "Suicidio de mayores, un drama silenciado".

O xurado do terceiro Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', composto por Antía González Paredes, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Manuel Rey Pan, Lucía Rodríguez Peña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade o pasado xoves 22 de xuño conceder o galardón á xornalista Gemma Malvido Otero e a fotoxornalista Vanessa Casteleiro Martinez, de La Opinión A Coruña, pola súa serie de reportaxes: "Una tarde en Teixeiro: «¿Se porta bien?»" e "Con ganas de salir adelante’, xunto con "Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle", publicadas o 3 de xullo e o 6 de novembro de 2022.

O premio, dotado con 1.500 euros, foi convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis. Os membros do xurado destacaron da serie premiada "o respecto con que é tratada a vida nun centro penitenciario sen caer no sensacionalismo" e valoraron que as tres reportaxes "levan un fondo traballo de investigación e dedicación detrás que sensibiliza aos lectores cunha realidade, esperanzadora, pouco coñecida para o resto da sociedade".

Así mesmo, concedéuselle unha mención especial como finalista á xornalista María de La Huerta por "Suicidio de mayores, un drama silenciado", un traballo publicado o 17 de xullo de 2022 en La Opinión A Coruña, do que o xurado salientou a súa "impecable execución" e que "pon en práctica as recomendacións profesionais máis recentes sobre a necesidade de informar sobre o suicidio e facelo de maneira responsable".

Os membros do xurado quixeron deixar constancia da alta calidade do total dos 25 traballos presentados ao galardón, que confirman a necesidade de manter nos medios unha información social de calidade que achegue as realidades sociais a toda a poboación. A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data próxima aínda por concretar, da que se dará cumprida información a través das canles habituais. 

Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais'

O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. 

Na súa primeira edición resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER. Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia "O ano da pandemia". O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe "Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa", publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público.

CPXG