A Asociación de Medios en Galego organiza un ciclo de encontros nas tres universidades galegas

As xornadas, que contan coa colaboración do Colexio de Xornalistas e pretenden tender unha ponte entre as aulas e as redaccións, celebraranse nas facultades de Ciencias da Comunicación da Coruña o mércores 14, de Santiago o xoves 15 e de Pontevedra o luns 19.

O ciclo arranca o mércores 14 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, cun encontro titulado ‘150 anos do Tío Marcos da Portela’, no que se abordará o nacemento do xornalismo en galego e o papel que xogaron os medios durante estes 150 anos na normalización lingüística e na sociedade galega. O faladoiro contará coa participación do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López García e dos xornalistas Xurxo Salgado Teijido, de Galicia Confidencial, e Silvia Carregal Martínez, de As Nosas e Ártabra Comunicación.O encontro permitirá facer un percorrido pola historia do xornalismo galego ata chegar á irrupción da intelixencia artificial e reflexionar sobre o xornalismo que queremos construír. 
 
Ao día seguinte, xoves 15, a Universidade de Santiago de Compostela acollerá o encontro ‘Begoña Caamaño e as mulleres nos medios en galego’, no que se trazará un percorrido pola memoria das pioneiras do xornalismo galego e polo legado de Begoña Caamaño. Participarán Ana Romaní Blanco, da Real Academia Galega; Lucía Junquera Pazos, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Laura Moure Miguélez, de Ecos da Comarca. O encontro afondará en cuestións como a igualdade nas redaccións, o liderado feminino, os nesgos de xénero e a representación das mulleres nos medios, para convidar as persoas asistentes a reflexionar sobre como construír un xornalismo máis igualitario. 
 
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, en Pontevedra, acollerá o luns 19 o último dos encontros, dedicado a ‘Os medios en galego ante os novos retos da comunicación’. O profesor da Universidade de Vigo Xosé Baamonde Silva, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cruz Negreira Rey, o representante do Consello da Cultura Galega Manuel Gago Mariño e a xornalista de GCiencia Laura Filloy Martínez abordarán como debe ser o medio do futuro que precisan as novas xeracións. Confianza, proximidade, especialización e novas narrativas serán algúns dos conceptos que se abordarán neste encontro, que pretende achegar respostas sobre o camiño que debe seguir o xornalismo nestes tempos de desinformación e incerteza. 
 
Estas xornadas enmárcanse no labor que AMEGA desenvolve para fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego, creando espazos de intercambio e discusión entre profesionais dos medios, voces expertas e o estudantado. O ciclo ‘Os medios do futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Xunta de Galicia, así como coa colaboración da Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e as tres universidades galegas. 
 
CPXG