Guía para un tratamento non sexista da información deportiva
Co comezo dos Xogos Olímpicos de Tokio volveron saír a luz exemplos de machismo no tratamento do deporte feminino. Para conseguir un xornalismo deportivo igualitario, ONU Mulleres e o Comité Olímpico Internacional publicaron a guía Perspectiva de xénero no xornalismo deportivo. Para unha información deportiva libre de estereotipos.
O pasado 23 de xullo comezaron en Tokio os Xogos da XXXII Olimpíada, que foran adiados o ano pasado por mor da pandemia da covid-19. O lema desta edición dos Xogos Olímpicos, Unidos pola Emoción, quere destacar o poder unificador do deporte contra as diferencias de todo tipo. Porén, desde antes mesmo do comezo dos xogos, as polémicas relacionadas co sexismo no deporte fixeron a súa aparición.
Malia ás peticións da Federación Internacional de Xornalistas, que xa fixera un chamamento para eliminar o sexismo na cobertura dos xogos, o mundo do xornalismo deportivo non estivo exento de comportamentos patriarcais. Igual que en edicións anteriores, Tokio 2020 trouxonos numerosos exemplos de titulares e coberturas machistas que, se ben non son exclusivos das informacións olímpicas, fanse moito máis presentes nun momento como este de especial seguimento do xornalismo deportivo.
Co obxectivo de promover un xornalismo deportivo que fomente a igualdade de xénero, Onu Mulleres e o Comité Olímpico Internacional (COI) veñen de publicar na Arxentina a guía Perspectiva de xénero no xornalismo deportivo. Para unha información deportiva libre de estereotipos. A guía, coordinada pola experta Lisa Solmirano, ofrece recursos lingüísticos prácticos para evitar exclusións e discriminacións e recomendación para aproveitar a riqueza da diversidade.
As recomendacións da guía resúmense en dez puntos clave: contextualizar o artigo explicando as diferencias que poden afectar ás mulleres nas súas carreiras; evitar preguntar sobre a vida persoal das deportistas; consultar rendementos e traxectorias deportivas; buscar a equidade na distribución da información por xéneros; evitar referencias a cuestións estéticas;; evitar contrapor o rendemento de mulleres e homes; preguntar ás persoas a forma na que prefiren ser nomeadas; evitar caer nos estereotipos sobre o "normal" en termos de xénero; preguntarse se a redacción sería igual cun deportista home; e só facer mención da identidade de xénero, o corpo ou a identidade sexual se teñen interese informativo.
A isto súmanse tres estratexias de mellora da cobertura deportiva: chegar a un equilibrio na cobertura e o tempo de emisión de deportes practicados por mulleres, promover a igualdade de xénero entre a comunidade de xornalistas que cubren acontecementos deportivos e crear consciència sobre que estereotipos e prexuízos de xénero son nocivos para a vida das persoas.
CPXG