Hamedi e Mohammadi, condenadas a cinco anos de prisión

Nilufar Hamedi (izquierda) e Elahe Mohammadi (derecha) (Foto: Mehrdad Aladin/dpa/Alamy Live News)

Nilufar Hamedi e Elaheh Mohammadi, as xornalistas iranianas gañadoras do último Premio Couso de Liberdade de Prensa, foron sentenciadas este domingo a cinco anos de cadea, unha pena que reduce a condena inicial, mais que significa a súa entrada en prisión por informar da morte de Mahsa Amini. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeita a condena e reclama que se lles aplique a amnistía decretada no 2023 para as persoas detidas tras o falecemento da moza kurda. 

A xustiza iraniana anunciou este domingo 13 de outubro que as xornalistas Nilufar Hamedi e Elaheh Mohammadi deberán cumprir unha pena de cinco anos de prisión polos delitos de "conspiración contra a seguridade nacional" e "propaganda contra a República Islámica". O veredito final reduce as condenas iniciais de doce e trece anos, ao eliminarse o cargo de "colaboración co goberno estranxeiro hostil" (en referencia aos Estados Unidos), pero significa que as dúas informadoras, coñecidas por informar sobre a morte e o funeral da moza kurda Mahsa Amini, deberán regresar proximamente á cadea. Os movementos de apoio ás dúas xornalistas defenden que os cargos polos que son condenadas entrarían dentro da amnistía decretada no 2023 polo líder supremo Ali Khamenei para as persoas detidas tras a morte de Amini, unha medida de graza que lles fora denegada daquela precisamente pola colaboración cos Estados Unidos que agora se desestima. 

Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi foron recoñecidas internacionalmente por informar en 2022 do caso de Mahsa Amini, a primeira desvelando a súa morte e a segunda cubrindo o seu funeral. A causa desas informacións, foron detidas e condenadas a trece e doce anos de prisión, respectivamente, dos que cumpriron quince meses na prisión de Evin, coñecida por acoller a meirande parte de disidentes iranianos en prisión. O pasado 14 de xaneiro, tras numerosas protestas, foron postas en liberdade baixo fianza logo de pasar entre reixas 15 meses, pero coa prohibición de deixar o país ou exercer a profesión. Ao día seguinte da súa liberación, foron denunciadas por non levar o veo. Ambas as dúas foron galardoadas este ano co XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que calquera condena por informar é sempre excesiva e rexeita a entrada en prisión de Hamedi e Mohammadi. Por todo isto, fai un chamamento á solidariedade coas dúas xornalistas iranianas e solicita ás autoridades deste país que lles sexa concedida a amnistía, de maneira que poidan continuar libres e realizar o seu traballo.

CPXG