Indultadas Nilufar Hamedi e Elaheh Mohammadi

Nilufar Hamedi (esquerda) e Elahe Mohammadi (dereita) (Foto: Mehrdad Aladin/dpa/Alamy Live News)

As xornalistas Nilufar Hamedi e Elaheh Mohammadi, gañadoras do XX Premio Couso e condenadas a cinco anos de prisión por informar do caso de Mahsa Amini, foron indultadas con motivo do aniversario da Revolución Islámica. O Colexio de Xornalistas alégrase de que os seus casos queden pechados e recuperen a liberdade. 

Segundo informou este martes a axencia oficial iraniana Mizan, as xornalistas Nilufar Hamedi e Elaheh Mohammadi foron incluídas na lista de indultos aprobada polo aiatolá Khamenei con motivo do 46º aniversario da Revolución Islámica nese país. Os seus casos quedan definitivamente pechados e as dúas informadoras recuperan a liberdade. 

Hamedi, xornalista do diario reformista iraniano Shargh, e Mohammadi, reporteira de sociedade do xornal Ham-Mihan, foron coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini, a primeira desvelando a súa morte e a segunda cubrindo o seu funeral. A causa desas informacións, foron detidas e condenadas en 2022 a trece e doce anos de prisión, respectivamente, dos que cumpriron quince meses. Tras saír en liberdade baixo fianza, coa prohibición de exercer a profesión, nunha segunda instancia a súa condena foi reducida a cinco anos, unha pena que desaparece finalmente con este indulto. 

Ambas as dúas xornalistas foron galardoadas o ano pasado co XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que non puideron recoller por encontrarse na cadea. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia congratúlase de que por fin desaparezan as súas penas de prisión e espera que axiña poidan seguir a loitar pola liberdade de prensa desde o traballo xornalístico que nunca deberon ter que abandonar.

CPXG