Intensa actividade de Xornalismo na Escola "la Caixa" a vindeira semana con talleres en Miño, Bergondo, Santiago, Betanzos, Muros e Lugo

Obradoiro de Xornalismo na Escola celebrado o 26 de marzo de 2019 no IES de Sar en Santiago de Compostela

A semana que vén, 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, continúa o seu percorrido por Galicia con obradoiros distintos en centros de ensino de Miño (luns 8), Bergondo (martes 9), Santiago de Compostela (martes 9 e mércores 10), Betanzos (mércores 10), Muros (xoves 11) e Lugo (venres 12).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita a semana que vén o CPI Castro Baxoi de Miño, o CPI de Cruz de Sar de Bergondo, o IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, o IES As Mariñas de Betanzos, o IES Fontexería de Muros, e o IES Lucus Augusti de Lugo. En concreto, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 

  • Luns 8 no CPI Castro Baxoi de Miño, entre as 16:10 e as 17:50 horas. Imparte o obradoiro Pablo Díaz Bouza.
  • Martes 9 no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, entre as 10:45 e as 12:15 horas. Imparte o obradoiro Susana Bastón Carballo.
  • Martes 9 no CPI de Cruz de Sar de Bergondo, entre as 11:10 e as 13:00 e entre as 13:00 e as 14:50horas. Imparte os obradoiros Pablo Díaz Bouza.
  • Mércores 10 no IES As Mariñas de Betanzos, entre as 11:15 e as 12:30 e entre as 12:30 e as 14:10 horas. Imparte os obradoiros Pablo Díaz Bouza.
  • Mércores 10 no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, entre as 12:45 e as 13:40 horas. Imparte o obradoiro Susana Bastón Carballo.
  • Xoves 11 no IES Fontexería de Muros, entre as 10:30 e as 12:00 e 12:30 e as 14:00 horas. Imparte os obradoiros David Fontán Bestilleiro.
  • Venres 12 no IES Lucus Augusti de Lugo, entre as 9:35 e as 11:15 e entre as 11.45 e as 13.25 horas. Imparte os obradoiros Pablo Díaz Bouza.

 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG