Intensa actividade de Xornalismo na Escola "la Caixa" con oito talleres a semana que vén

Obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado o 2 de decembro de 2020 no IES de Quiroga

'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, inicia unha nova semana na que se realizarán un total de oito obradoiros nas localidades de Lugo (martes 15, mércores 16, xoves 17 e venres 18), Ourense (mércores 16 e xoves 17) e Guitiriz (venres 18). Os talleres do ourensán IES do Couto, ademais, realizaranse por primeira vez de forma virtual, adaptándose ás necesidades do alumnado no contexto da crise sanitaria. 

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita esta semana o IES Leiras Pulpeiro de Lugo e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Ademais, o IES O Couto de Ourense inaugura a nova modalidade virtual para a realización dos obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa", creada para se adaptar á nova situación da crise sanitaria. En concreto, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 
 
  • Martes 15 no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, un obradoiro entre as 11.30 e as 13:30 horas. Imparte o obradoiro Xavier López Quiroga.
  • Mércores 16 no IES do Couto de Ourense, dous obradoiros entre as 10.55 e as 12:20 e entre as 12:25 e as 13:55 horas, realizados de maneira virtual. Imparte os obradoiros Edith Filgueira Rodríguez.
  • Mércores 16 no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, un obradoiro entre as 11.30 e as 13:30 horas. Imparte o obradoiro Xavier López Quiroga.
  • Xoves 17 no IES do Couto de Ourense, un obradoiro entre as 11.10 e as 13:10 horas, realizado de maneira virtual. Imparte o obradoiro Edith Filgueira Rodríguez.
  • Xoves 17 no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, un obradoiro entre as 11.30 e as 13:30 horas. Imparte o obradoiro Xavier López Quiroga.
  • Venres 18 no Poeta Díaz Castro de Guitiriz, un obradoiro entre as 11.30 e as 13:15 horas. Imparte o obradoiro Olaia Tubío Rei.
  • Venres 18 no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, un obradoiro entre as 11.30 e as 13:30 horas. Imparte o obradoiro Xavier López Quiroga.

 

Tras a parada obrigada pola crise sanitaria e a suspensión das aulas en marzo, volven os obradoiros de xornalismo para escolares de 3º e 4º da ESO dos institutos de educación secundaria de Galicia, e fano nun momento no que son máis necesarios que nunca, cun panorama mediático invadido pola sobreinformación e as 'fake news'. De feito, os talleres incluirán a partir de agora un apartado sobre a Covid-19, para fornecer os estudantes con ferramentas para enfrontarse á desinformación neste tema e comprender mellor a información científica. 

Ademais, os escolares familiarizaranse co funcionamento dos medios de comunicación e coñecerán aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e a importancia de contrastar as informacións. Serán talleres dinámicos nos que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros son Ángel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel Guisande, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei, todos eles con ampla traxectoria profesional, que en moitos casos inclúe tamén formación a nivel didáctico. Castro Silva, ademais de ser licenciado en Xornalismo, ten o dobre mestrado en Profesorado e Comunicación Transmedia e traballou nas redaccións da Radio Galega, Luzes, a Axencia Efe ou Gabinete de Comunicación da Deputación da Coruña. Na Axencia Efe tamén traballou Filgueira Rodríguez, cun currículo que abrangue ademais distintos labores en La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo. Manuel Guisande, cunha longa traxectoria como xornalista, traballou 25 anos en La Voz de Galicia e ten publicado once libros e realizado exposicións en diferentes países. Mestre ademais de xornalista, López Quiroga foi delegado de El Progreso na Ribeira Sacra e finalista nos Premios de Comunicación de Galicia. Rodiño Pérez ten o mestrado en Formación do Profesorado ademais da licenciatura de Xornalismo, e traballou no Faro de Vigo e no El País. Por último, Tubío Rei. graduada en Xornalismo, estuda o mestrado en Xestión Cultural e traballou na Televisión de Galicia e no El Progreso.  

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG